‘Vidago Palace’, a primeira serie coproducida pola TVG e a RTP, chega este domingo a HBO

0
7

Santiago, 31.05.2020.-    A serie de ficción histórica ‘Vidago Palace’ chega este domingo a HBO Portugal e no mes de xullo poderá verse tamén en España a través desta plataforma. A primeira ficción coproducida entre a TVG e a Radio Televisión de Portugal (RTP) narra unha historia de amor nun contexto histórico extraordinario e nun ambiente tan espectacular como é o luxoso hotel e balneario aberto en Vidago, no norte de Portugal,  a comezos do século XX para acoller o máis selecto da sociedade europea. A serie, que xa foi emitida en Polonia e nos Estados Unidos, traslada o espectador ao verán de 1936 e céntrase no amor prohibido entre Carlota, filla dos condes de Vimieiro e noiva de César, e Pedro, empregado no hotel.

Esta estrea en HBO Portugal súmase a outras accións recentes, como a chegada da serie ‘Auga Seca’ tamén a HBO en abril, coas que a CRTVG segue estendendo a lingua e o audiovisual galegos polos mercados internacionais. ‘Auga Seca’ foi a segunda produción da TVG que leva o galego a unha plataforma dixital, despois de ‘O sabor das margaridas’, todo un éxito internacional en Netflix desde 2019.

Ademais, outras producións de Televisión de Galicia seguen o seu percorrido internacional, como  ‘Matalobos’, para a que se acaba de asinar a venda da primeira temporada á plataforma dos EUA e América Latina Ocean New Media, a través da distribuidora Videoplugger; ‘Hotel Almirante’, baseada na novela homónima da escritora Marta Rivera de la Cruz, que tamén chegará a través desta mesma distribuidora a unha plataforma SVOD con sede nos EUA e ao servizo de homevideo MHZ Choice, e ‘Tres Camiños’, produción internacional participada pola TVG, que poderá verse en Amazon Prime Video a comezos de 2021. E, no ámbito do público infantil, a serie ‘As aventuras de Minchi’, que se verá nunha plataforma OTT na China.

Segunda temporada do programa ‘Historias Mínimas’ na RAI italiana

Pola súa parte, o programa orixinal da TVG ‘Historias Mínimas’, producido por Tamboura Films, consolídase na RAI3 italiana coa súa segunda temporada. A compra dos dereitos para realizar a versión italiana produciuse a mediados de 2019 e, na primeira emisión, de 25 capítulos, rexistrou unha media de 1.300.000 espectadores, quedando no podio dos tres programas máis vistos da canle.

Despois deste éxito, ‘Historias Mínimas’ repite experiencia e volverá cunha nova quenda de 25 entregas, da que xa comezou a promoción a través das redes sociais na busca das mellores historias ao longo do país transalpino, moitas delas relacionadas co confinamento vivido pola pandemia da COVID-19.

A versión italiana recrea exactamente o programa da TVG, un espazo de confesións na rúa de xente anónima cunha estética e realizacións innovadoras neste tipo de programas, o que fixo que chamase a atención doutras canles en todo o mundo.

Fuente Crtvg.es