Voleibol e fútbol sala feminino e o derbi Celta-Dépor da Copa do Rei xuvenil, propostas deportivas dos medios públicos galegos para esta fin de semana

0
8

Santiago, 14.01.2022.-    Aínda que esta fin de semana non hai Liga de fútbol, o deporte non descansa nos medios públicos galegos, que ofrecerán unha variada e completa oferta. A primeira cita será o sábado ás 17.00 h, cando a G2 e a web da CRTVG retransmitirán o partido da 14ª xornada da Liga Iberdrola de voleibol feminino entre o Arenal Emevé e o C. V. Kiele Socuéllamos. O conxunto manchego, que ocupa a segunda praza, visita a cancha que acollerá a Copa da Raíña de voleibol feminino, que se celebrará entre o 11 e o 13 de febreiro e que reunirá os seis mellores equipos ao final da primeira volta da Liga.

A continuación, ás 18.30 h, poderá verse en directo a través da web crtvg.gal o encontro de fútbol sala feminino Poio Pescamar F. S.-A. D. Sala Zaragoza F. S., partido aprazado dos oitavos de final da Copa da Raíña por un gromo de coronavirus no seo do conxunto zaragozano.

Xa pola noite, ás 20.50 h, chegará un novo partido da Liga francesa, o que enfrontará no estadio Parc des Princes o PSG F. C. e o Stade Brest. O cadro parisiense agardaba o regreso de Lionel Messi para este compromiso, pero o astro arxentino non participou no último adestramento do equipo, polo que é dúbida ata o último momento.

A xornada do domingo comezará con fútbol. Ás 12.00 h dispútase o derbi xuvenil R. C. Celta-R. C. Deportivo, correspondente aos dezaseisavos de final da Copa do Rei, unha eliminitoria a partido único no campo do equipo que finalizou a primeira volta en mellor posición. Os deportivistas son actualmente segundos por detrás do Celta, con cinco puntos de diferenza, e buscarán pasar a primeira rolda da clasificación antes de afrontar en febreiro o compromiso da Youth League fronte ao Dinamo de Kiev. A última vez que se enfrontaron ambos os dous equipos foi hai dous meses na Madroa, nun partido que gañaron os celestes por 1-2.

E, para rematar a fin de semana, a Liga portuguesa de fútbol. A partir das 22.30 h, os espectadores da G2 poderán ver o partido F. C. Vizela-Spórting Portugal, correspondente á 18ª xornada da competición. Ambos os dous equipos veñen de perder nos seus anteriores compromisos ligueiros, contra o Moreirense e o Santa Clara respectivamente.

Fuente Crtvg.es