Santiago, 18.09.2023.- A TVG estrea esta noite a segunda temporada da serie de ficción ‘Operación Marea Negra’ (22:00 h), coa emisión dos dous primeiros episodios. Este thriller, baseado en feitos reais, levou na súa primeira temporada os espectadores a 2019, cando un semisomerxible cargado de cocaína e capitaneado por unha promesa do boxeo amateur, foi apresado nas costas galegas.
A segunda temporada da serie de Ficción Producciones promete de novo altas doses de tensión; esta vez, con Jorge López (‘Élite’) no papel protagonista de Nando, que agarda sentenza firme no cárcere. Únense tamén ao elenco de ‘Operación Marea Negra’ actores populares coma Óscar Jaenada ou Esther Acebo (‘La casa de papel’), e rostros galegos como Miguel de Lira. Tamén formarán parte do elenco dos cinco novos episodios do thriller Soraia Chaves, Patricia Vico, Belén López e Pêpê Rapazote.
Ademais, haberá caras coñecidas da primeira temporada, coma os actores Leandro Firmino, David Trejos, Nerea Barros, Carles Francino, Miquel Insua, Lúcia Moniz, Xosé Barato, Luís Zahera, Bruno Gagliasso e Manuel Manquiña, que retomarán os seus personaxes nesta serie galego-portuguesa.
A nova trama arranca pasados dous anos do incidente do narcosubmarino e os novos capítulos navegarán entre o crime e a lei, entre a vinganza familiar e a xustiza. Nando evolucionará seguindo unha viaxe chea de traizóns e dobres xogos, camiñando polo fráxil equilibrio entre o legal e o ilegal.
Os espectadores verán hoxe como a popularidade de Nando na cadea foi en aumento, o que lle ten permitido facer negocios cuns e outros. Na primeira entrega da noite, os Valdés afrontan dificultades para meter a droga que lles manda João, mentres Ortiz está a piques de renderse na súa investigación. No segundo episodio, a inesperada e tráxica morte de Samu fai que o ambiente na cárcere se tense de xeito importante, polo que Nando ve perigar a súa vida e debe tomar unha decisión radical para salvarse.
Fuente Crtvg.es