Volve ‘Pratos Combinados’ á TVG, a serie que toda Galicia estaba desexando ver de novo

0
5

Santiago, 26.03.2020.-    Xa levaba tempo pendurada no portal enserie.gal, pero agora a Televisión de Galicia recupera ‘Pratos Combinados’ para a pantalla. Cando os galegos e galegas están a demandar máis contidos audiovisuais para poder pasar mellor estas semanas, a canle autonómica galega repón, a partir do vindeiro martes, unha das series máis queridas e demandadas pola audiencia, ‘Pratos Combinados’, unha das ficcións máis míticas e a máis seguida da súa historia, que tan bos momentos fixo e seguirá facendo pasar á audiencia.

Nestes momentos en que tanto se bota de menos a socialización en bares e restaurantes, as aventuras e desventuras que teñen lugar no emblemático Bar Suízo achegarán aos fogares galegos humor a esgalla no prime time dos martes.

Dentro do seu labor de servizo público, a CRTVG é consciente de que neste momento de confinamento, o entretemento é unha parte fundamental deste servizo público, como así o é, obviamente, a información.  Este é o motivo polo que a CRTVG está a manter os seus programas senlleiros de entretemento na grella, sempre tomando as máximas precaucións e prevencións para os seus traballadores. Tamén aumentou a programación infantil e de formación na casa para os máis cativos e está a recuperar momentos históricos do deporte galego.

Emitida entre 1995 e 2006, ‘Pratos Combinados’ foi a primeira comedia de situación desenvolvida integramente por profesionais de Galicia e cun elenco composto na súa totalidade por actrices e actores galegos. Creada e dirixida por Xosé Cermeño, ao longo dos seus preto de 300 capítulos, pasaron pola serie actores tan recoñecidos como os finados Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, Mabel Rivera, Antonio Durán ‘Morris’, Sergio Pazos, Cristina Castaño, María Castro, Josito Porto, Manuel Millán, María Bouzas, Eva Fernández e Fely Manzano, entre outros.

As tramas desta icona da ficción galega desenvólvense nun bar dunha pequena vila, rexentado por Miro Pereira e a súa muller, Balbina Santos, retornados da emigración en Suíza. Por alí pasan personaxes cómicos como o vividor Antón Santos, irmán de Balbina, o quiosqueiro Tuto, o repartidor Paspallás, o padre Nicanor e o avogado Pedro Barreiro. En cada episodio, Miro e Antón non paran de argallar plans para conseguir cartos ou ir de festa e, para isto, non dubidan en enganar a quen faga falta.

Fuente Crtvg.es