Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre traen a súa arte a ‘Luar’, que contará tamén con Teo Cardalda e Golden Apple Quartet

0
15

Santiago, 17.12.2021.-  O espírito do Nadal impregna este venres os contidos de ‘Luar’ (22.05 h), que disporá das recomendacións imprescindibles do ‘coach’ televisivo Manuel Eduardo (Xosé A. Touriñán) e do cardiólogo de Majadahonda Lauren (Marcos Pereiro) sobre os mellores menús e estilismos para gozar destas festas. No apartado do humor, no espazo destacarán, amais, as intervencións de Carmen, Gelines e don José, de Campos e Crespo, e o monólogo do cómico Alberte Montes.

E unindo humor e música, un dos grupos de referencia, que leva máis dunha trintena de anos divertindo ao público, é o guipuscoano Golden Apple Quartet, que de novo ofrecerá o seu característico estilo de canto a capella.

Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández darán tamén a benvida esta noite o vigués Teo Cardalda, en solitario este venres en ‘Luar’, e o coruñés Xabier Díaz, un dos nosos músicos e compositores de música tradicional galega de máis éxito, cunha recoñecida e ampla traxectoria artística, que desde 2015 uniu a súa arte xunto á das Adufeiras de Salitre, formación de once mulleres que desenvolven a percusión e acompañan coas voces a súa música.

Haberá máis música da nosa terra, coas achegas do grupo folk compostelán Charamuscas, que o ano pasado editou o seu primeiro álbum ‘Brincan no corazón’; das pandeireteiras da agrupación etnográfica A Buxaina, de Coruxo, e da cantante de Santa Cruz de Ribadulla, Marietta, moi influenciada pola música de Ana Kiro e especializada nas rancheiras.  

A edición desta noite, dedicada á Mariña occidental, contará a maiores coas actuacións do grupo Sons de Celeiro, cuxa vintena de voces mixtas dominan tanto fados e boleros como cancións mariñeiras no seu repertorio e cos ritmos da orquestra Grupo Lume.

E coma sempre, haberá un novo duelo no concurso ‘Recantos’, coa participación de Jennifer Cambón, procedente de Terras de Ordes, e Miki Fernández, representante da zona de Noia-A Barbanza. Cómpre salientar, amais, que o bote do concurso telefónico ascende hoxe a 3.000 euros.

Fuente Crtvg.es