‘Xente Marabillosa’ aborda este mércores a problemática dos fillos tiranos

0
28

Santiago, 17.01.2024.-    ‘Xente Marabillosa’, o espazo máis comprometido, social e viral da TVG, volve este mércores á pantalla para falar dos conflitos cos menores, unha problemática que acaba convertendo os fillos nos maltratadores de seus pais. Non se trata só de agresións físicas: as humillacións, as ameazas, os roubos ou a destrución intencionada de pertenzas familiares tamén son formas de violencia que resulta fundamental identificar e tratar por parte de profesionais.

O incremento máis que notable dos expedientes abertos a menores nos últimos anos confirma que non podemos ignorar esta realidade. Sobre todo, porque, aínda que as cifras asustan, hai que ter en conta que só se denuncian o 10 % dos casos.

Por iso, e co obxectivo de visibilizar este tipo de situacións, ‘Xente Marabillosa’ emitirá esta noite dúas cámaras ocultas en que unha moza está coa súa nai nunha tenda de deportes comprando unhas zapatillas que necesita para o instituto. A nai quere mercarlle unhas sen marca, pero a rapaza está empeñada en que lle compre as máis caras da súa marca favorita. A filla botaralle en cara que non traballa o suficiente e que a súa obriga é darlle todo o que ela necesite. Pouco a pouco, a rapaza irá perdendo as formas, humillando e ridiculizando coas súas palabras a nai, ata que finalmente esta acabe cedendo ao seu capricho. Dúas persoas marabillosas intervirán e saltarán na defensa da nai, desaprobando as formas que a filla ten de dirixirse a ela e convidándoa a que se poña a traballar.

No estudio, Lucía Rodríguez contará coa presenza do actor ourensán Sergio Pazos, recentemente galardoado co Premio Lorca ao mellor actor de reparto pola película ‘La fuga’, que actuará como padriño do programa. Esta entrega de ‘Xente Marabillosa’ emitirá tamén a testemuña dunha nai que padece a tiranía do seu fillo desde que este ten tres anos.

A nota musical desta noite poraa a coruñesa Hydn, con dous temas en ‘galeglish’, un concepto que pretende instaurar e que consiste na mestura de letras en galego e en inglés.

Fuente Crtvg.es