Xetafe-Celta e Rácing de Santander-Deportivo, partidos destacados esta fin de semana no ‘Galicia en Goles’, que se ofrece de venres a luns

0
10

Santiago, 21.10.2021.-    O ‘Galicia en Goles’ da xornada deportiva da fin de semana vai estar en antena durante os próximos catro días, de venres a luns. O venres, ás 20.30 h, Paco Santos analizará cos protagonistas todo o calendario galego da fin de semana.

O sábado, desde as 15.00 h, a atención da Radio Galega estará posta no Málaga-Lugo, da Segunda LFP; Rácing de Ferrol-Leonesa, da Primeira RFEF, e nos encontros de ACB de baloncesto Betis-Obradoiro e Zaragoza-Breogán. Durante a tarde, o programa tamén estará presente noutros nove partidos de fútbol, correspondentes á Segunda e á Terceira RFEF.

O domingo, a edición matinal do ‘Galicia en Goles’ principiará ás 11.45 h coa retransmisión do Rácing de Santander-Deportivo da Coruña e Celta B-Dux Internacional de Madrid, da Primeira RFEF. Desde as 15.00 h, a sesión de tarde atenderá o Segoviana-Pontevedra, de Segunda RFEF, xunto ao Fabril-Sofán e o Vilalbés-Arnoia de Terceira. No polideportivo destacan o Básquet Coruña-Palma, da LEB Ouro, e o Guardés-Hypo, do balonmán europeo. A partir das 20.30 h, recibirá o árbitro Xabier Rodríguez Campos, que presentará a última edición do seu libro ‘Arbi que pitas’.

Ademais, o programa ofrecerá unha edición especial o luns desde as 20.30 h, co Xetafe-Celta da Primeira LFP como protagonista. A partir das 23.00 h, o espazo nocturno ‘Ao Contraataque’ transmitirá a rolda de prensa de Chacho Coudet e a entrevista co principal protagonista do partido.

Na fin de semana, a Radio Galega ofrece ademais o espazo de proxección social ‘Convivir Deportivo’. Este sábado, ás 13.00 h, Alfonso Pardo homenaxea o Club de Fútbol de Verín, que acaba de cumprir 50 anos.

Fuente Crtvg.es