Xornalistas da CRTVG participan no foro ‘Aprender dunha pandemia global’, organizado esta semana por Circom

0
10

Santiago de Compostela, 09.03.2021.- Preto de 200 xornalistas e técnicos de toda Europa, entre eles varios da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, están a participar de xeito virtual esta semana no foro de charlas ‘Aprender dunha pandemia global’. Este foro sobre xornalismo foi inaugurado polo director de contidos da CRTVG Fernando R. Ojea, quen é secretario xeral de CIRCOM desde 2015. Na súa intervención, Ojea falou do sensible crecemento das audiencias dos medios públicos rexionais durante a crise da covid-19 «porque son os mellores cando se trata de combinar servizo público e proximidade».

O programa consta de 9 sesións de 90 minutos, con foco na análise e intercambio de especialistas de toda Europa sobre o aprendido durante a pandemia e como afrontar o que vén dende unha perspectiva innovadora. Entre outros temas, abórdanse a conexión coa audiencia, o liderado en tempos de pandemia, a análise de datos e o público, como loitar contra as noticias falsas, a transformación dixital e unha sesión que abordará a resiliencia e o risco para a saúde mental que a crise de saúde foi para os informantes en primeira liña. “Neste tempo tan convulso CIRCOM creu oportuno parar un momento a compartir o aprendido durante este tempo porque sabemos que moita cousas viñeron para quedar aínda cando a pandemia estea superada”, sinalou o secretario xeral na sesión inaugural.

No primeiro webinar da mañá os expertos sinalaron que a «escoita social, o seguimento da conversa entre a audiencia e o medio a través das redes sociais, non só permite acadar boa reputación e material publicable como fotos ou vídeos senón que é unha fonte onde os xornalistas poden atopar novas historias que interesen ao público”.

Na sesión da tarde, o director de Informativos da BBC-Inglaterra, Declan Wilson, advertiu de que moitos dos cambios que a pandemia trouxo na maneira de traballar os medios van quedar a futuro e que «as noticias de proximidade volvéronse aínda máis importantes na vida de cada persoa».

Ademais da organización deste ciclo, o secretario xeral de CIRCOM asistirá o xoves á reunión anual do Observatorio Audiovisual Europeo. A Confederación de Televisións Rexionais Europeas (CIRCOM)  reúne preto de 250 televisións e centros de emisión de 30 países, incluídos 11 das comunidades autónomas españolas, que suman uns 22.000 xornalistas.

Fuente Crtvg.es