Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Compostela: «Santiago manterá a iluminación exterior dos monumentos tras a aclaración do Ministerio»

0
21

Santiago de Compostela, 09.08.2022.- Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela, visitou este martes o plató do informativo Bos días da Televisión de Galicia, no que foi entrevistado sobre a actualidade da capital galega e falou, entre outras cuestións, sobre se será o candidato do PSdeG nas eleccións municipais de 2023. O rexedor da capital dixo que «esa pregunta aínda non ten resposta. Proximamente tomarei a decisión que me pareza máis axeitada pensando sobre todo nos intereses dos composteláns, que para min é o realmente importante».

Agradeceu tamén as palabras da vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, a que cualificou de «boa amiga», quen dixo que «con Bugallo teremos garantida unha persoa moi competente á fronte  da capitalidade galega». Sánchez Bugallo dixo que anunciará a súa decisión ao rematar as vacacións porque «non é razoable manter ningunha incógnita máis tempo».

Canto á recente celebración do 25 de xullo, dixo: «Creo que foi fantástico. As rúas ateigadas de xente, participación absoluta e os fogos un éxito, tanto o 24 de xullo como o 31». Quixo agradecer aos traballadores do lixo a sinatura do acordo e que desembocaran a folga que tiña prevista para a semana das festas de Compostela.

O alcalde de Santiago mostrouse satisfeito como se está xestionando a chegada masiva de turistas á cidade, mesmo coa chegada en 24 horas dos 12.000 mozos que chegaron a Compostela para participar nas Xornadas Europeas de Peregrinación. Sen contar con esta semana puntual, «a diario chegan a Santiago uns 10.000 peregrinos e no centro histórico hai cada día unhas 40.000 persoas e delas só 4.000 son veciños»

Iluminación e aforro enerxético

Sobre as medidas de aforro enerxético que se van adoptar en Santiago de Compostela, explica o alcalde de Santiago que a semana pasada houbo unha aclaración do Ministerio e que a «iluminación exterior dos monumentos non se ten que apagar». «Nós fixemos unha consulta. O grupo de cidades Patrimonio da Humanidade fixemos unha consulta ao Ministerio e a contestación é que os monumentos exteriores non se teñen que apagar; iso introdúcenos un elemento de tranquilidade». Sánchez Bugallo amosouse máis preocupado polas queixas que pode xerar o descenso da iluminación nas zonas comerciais co apagado dos escaparates: «A normativa europea establece un tope lumínico para evitar contaminación e os veciños queren iluminación, supoño que agora, na zona nova, se queixarán algo máis».

«A temperatura de 19 graos me parece perfecta», di o alcalde  

Sánchez Bugallo sinalou que “teño que recoñecer que a temperatura de 19 graos me parece perfecta, nós creo que o tope que estabamos poñendo era 20 graos, non creo que se note a diferenza». Sobre o aforro enerxético dixo que aínda non falou coa hostalería e o comercio, que o fará cando o tema quede clarificado: «Creo que todos eles serán comprensivos. Se hai unha norma de rango superior, todos estamos obrigados a aplicala, aínda que procuraremos facelo de maneira que ocasione os menores problemas posibles aos veciños».

Fuente Crtvg.es