A cantante Uxía Senlle, unha das grandes voces femininas galegas, visita hoxe o programa ‘Bamboleo’

0
31

Santiago, 04.02.2023.-     ‘Bamboleo’ recibe hoxe a visita dunha das grandes voces femininas da nosa terra: a cantante Uxía Senlle, e tamén a do grupo Mantra, a nova formación de Carlos Marco xunto con Charlie e Paula.

Uxía está centrada no proxecto ‘Enredadas’, en que comparte escenario con artistas como Martirio, Carmen París ou Ugía Pedreira. Ao tempo, compaxínao con actuacións co artista Javier Ruibal, e outros traballos como ‘Yule’, co que traspasa fronteiras e do que fai varias xiras ao ano. Ademais, continúa coas súas colaboracións con María Fumaça e Malvela, cos que leva a inclusión e a integración a todos os recunchos de Galicia.

Pola súa parte, Mantra logrou facer viral en TikTok o seu tema ‘Más que mi crush’, unha canción cun son moi fresco e unha mensaxe moi directa. O trío musical tamén interpretará esta noite unha versión de ‘Me cuesta tanto olvidarte’, de Mecano.

A orquestra La Fórmula amenizará a noite cunha moderna selección musical e a parella de bailaríns de Lugo formada por Rober e Miri realizará dúas exhibicións de bachata.

As voces de Santi Ces e Abraham González van ser as protagonistas do ‘Agora ou Nunca’, cantando os temas ‘La mañana’, de Al Bano, e ‘Juramento eterno de sal’, de Álvaro de Luna.

En ‘A Jrileira’ xogarán a Comisión de Festas do Regueiro, do Concello de Boborás, e a Asociación de Festas de San Pedro de Parada, en Xinzo, no concello de Ponteareas. Xa cara ao final do programa, chegará a ‘ITV do Amor’, a proba máis sexy do programa.

Fuente Crtvg.es