‘Xente Marabillosa’ regresa esta noite á TVG facéndolle fronte á soidade non desexada dos maiores

0
11

Santiago, 10.01.2024.-    ‘Xente Marabillosa’, o espazo máis comprometido, social e viral da TVG, volve este mércores á pantalla para falar dun problema que afecta a milleiros de galegos. Para seren exactos, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, a máis de 125.000 maiores de 65 anos que viven sós na comunidade. E, aínda que para algúns isto obedece a unha decisión propia, outros moitos vense forzados polas circunstancias. Sen familiares que os atendan nin outras persoas ás que recorrer, este grupo de poboación queda practicamente indefenso ante os efectos máis habituais do estado de abandono en que se atopan: a malnutrición, a falta de control de enfermidades cardiovasculares, o empeoramento das doenzas de tipo óseo e, sobre todo, os problemas vinculados á saúde mental.

Unha boa parte dos afectados acaba ingresando en residencias para a terceira idade, mentres que os que se resisten afrontan a vida coa soidade como compañeira. Por iso, e co obxectivo de visibilizar este tipo de situacións, ‘Xente Marabillosa’ emitirá dúas cámaras ocultas en que un ancián quedará nunha cafetería cos seus fillos e netos para celebrar o seu aniversario. Ao chegar, chamará para lembrarlles o encontro, pero todos porán algunha escusa para non asistir. Pero dúas persoas incribles evitarán que sopre só as candeas da torta, animándoo e ofrecéndolle o seu apoio, motivo pola cal serán recibidas no estudio do programa con todos os honores.

Alí, ademais de Lucía Rodríguez, coñecerán a televisiva Rosa Benito, que actuará como madriña, e mais a Sofía Díaz, unha coruñesa de 90 anos que axudará os espectadores a comprender mellor a problemática abordada contándolles a súa propia historia.

No que respecta á nota musical, nesta ocasión as actuacións estarán directamente vinculadas aos gustos musicais das dúas persoas marabillosas convidadas. Por unha parte, as integrantes de Leilía encherán o estudio coas súas voces, xa a piques de pechar a súa xira de despedida dos escenarios, e, por outra, a picadiscos Anna Gorse será a encargada do fin de festa.

Fuente Crtvg.es