A ‘vedette’ francesa Marlene Mourreau e o grupo Luar na Lubre poñen a música esta noite en ‘Luar’

0
14

Santiago, 12.01.2024.-    A televisiva vedette de orixe francesa Marlène Mourreau deleitará hoxe a público e audiencia de ‘Luar’ (21:55 h) coas súas vistosas actuacións. A artista, unha das máis polivalentes da televisión en España, gañou popularidade na década dos 90 grazas aos programas de variedades, en que amosou os seus dotes artísticos como cantante, bailarina e actriz. Antes de sorprender ao público español, xa triunfara no seu país. Esta noite amosará todo o seu potencial na TVG.

O programa que presentan Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez contará ademais coa orquestra Capitol e o grupo folk galego Luar na Lubre. O pasado decembro presentaron o seu traballo ‘Luar na Lubre XX. Encrucillada’, en que recollen algúns dos temas máis emblemáticos do seu repertorio e para o que contaron con diferentes voces que pasaron polo grupo, entre elas, a da súa primeira e máis recoñecible vocalista, Rosa Cedrón. O traballo inclúe tamén colaboracións como as de SÉS ou o músico cubano Pablo Milanés. Esta noite interpretarán estas pezas icónicas na TVG.

E, continuando co capítulo de folclore, amenizarán a noite as Pandeireteiras do Tremuzo do Freixo e os Retranqueiros de Ames, mentres que no concurso ‘Recantos’ competirán Paula Suárez, pola Costa da Morte, e Tania Queiruga, por Noia-O Barbanza.

Fuente Crtvg.es