A CRTVG remite o Plan de Cobertura á Xunta Electoral de cara ás eleccións do 12 de xullo

0
0

Santiago, 19.06.2020.- A Corporación Radio e Televisión de Galicia fará un intenso despregamento para ofrecerlle á cidadanía toda a información das diferentes opcións políticas que concorren ás eleccións do 12 de xullo en Galicia. No contexto dunha campaña de 15 días de duración, e á marxe dos espazos electorais nos diferentes informativos e os actos de apertura de campaña, a CRTVG comunica á Xunta Electoral o Plan de Cobertura, que inclúe 9 debates e 14 entrevistas personalizadas aos diferentes líderes políticos.

O primeiro debate tería lugar o luns 29 de xuño ás 21:30h nas instalacións de San Marcos, en Santiago de Compostela, e ao mesmo están convidados os líderes das formacións que teñen carácter de grupo representativo e grupo político significativo. O debate será accesible en lingua de signos en directo pola G2 e tamén será retransmitido pola Radio Galega e as canles dixitais da CRTVG.

O Plan de Cobertura recolle tamén 4 debates provinciais que serán emitidos en desconexión pola primeira canle o día 1 de xuño, e que tamén serán emitidos para toda Galicia en diferente horario pola G2. A Televisión de Galicia tamén fará entrevistas personalizadas acorde cos tempos de representación aos candidatos dos diferentes partidos, que serán emitidas en prime time unha vez rematado o “Telexornal Serán”.

A Radio Galega

A emisora pública galega realizará tamén un importante despregamento de medios técnicos e humanos durante os 15 días de campaña. Así, retransmitirá a través dun programa especial o debate de política xeral do día 29 de xuño e organizará tamén catro debates provinciais, que se emitirán no programa “A Crónica”. A Radio Galega tamén fará entrevistas aos candidatos das forzas políticas que se presentan ás eleccións galegas.

Son en total 9 debates e 14 entrevistas nos medios públicos de Galicia en 15 días de duración da campaña electoral. A CRTVG fará este despregamento aplicando as medidas de seguridade sanitarias para garantir a saúde tanto dos candidatos e os seus equipos coma dos traballadores da CRTVG.

Criterios de representatividade

Seguindo os criterios legais indicados nas diferentes resolucións da Xunta Electoral Central, as forzas políticas convidadas divídense en: grupos representativos e grupos políticos significativos.

Pola súa representatividade, en función dos resultados obtidos nas anteriores eleccións equivalentes nas catro circunscricións electorais da comunidade autónoma, as formacións con carácter de “grupo representativo” son: Partido Popular (PP), En Marea, Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego (BNG).

En virtude do determinado na Instrución 4/2011, do 24 de marzo, da Xunta Electoral Central, son grupos políticos significativos aquelas formacións que en procesos electorais celebrados con posterioridade ás últimas eleccións equivalentes (eleccións ao Congreso dos Deputados do 28.04.2016, eleccións ao Parlamento Europeo e eleccións locais do 26.05.2019 e eleccións ao Congreso dos Deputados do 10.11.2019) obtiveron no ámbito territorial do medio de comunicación (CAG) un número de votos igual ou superior ao 5% dos votos válidos emitidos. Os grupos políticos significativos serían: En Común-Anova Mareas, Ciudadanos-Partido de la Ciudadanía (Cs) e Vox.

Fuente Crtvg.es