A Televisión de Galicia, líder de audiencia e líder entre as canles autonómicas

0
17

Santiago, 13.04.2021.-    A Televisión de Galicia segue a ser líder de audiencias en Galicia, segundo a primeira onda do Estudo Xeral de Medios deste 2021, coñecida este martes, cun liderado tanto de luns a venres, cun 19,2 % de cota, como se se analizan os sete días da semana (18,3 % de luns a domingo).

Analizando a cota de pantalla en comparación coa última de decembro de 2020, o incremento é do 26,2 % de luns a domingo e do 28,9 % de luns a venres.

Líderes en informativos e entretemento

A Galega comeza o día liderando os informativos. Desde o inicio do ‘Bos días’, a TVG  acada en toda a faixa matinal de 8:00 a 13.30 un 20,4 % de cota, superando en 8,7 puntos o seguinte competidor, (A3, cun 11,7 %). E o liderado segue na faixa do mediodía.

O EXM sinala que a franxa da sobremesa da canle pública (13:30 a 17:00 horas) chega a unha cota media do 32,9 %, 20,4 puntos por riba do seguinte competidor, (A3, cun 12,5 %). Os espazos ‘Galicia noticias’ e o ‘Telexornal mediodía’, que alcanza a cota do 51 % entre as 14.30 e as 15:00 horas, conforman este bloque de actualidade líder indiscutible en Galicia.

E o liderado segue pola tarde. O ‘Telexornal serán’, desde as 21:00 horas, tamén é líder absoluto de audiencia, cun 23,8 %, cinco puntos por diante do segundo (A3, cun 18,8 %) e triplicando o terceiro (La 1, cun 8,1 %).

A partir dese momento, o entretemento da noite faise tamén o líder indiscutible en Galicia, ata a unha da madrugada, con faixas do 21 % e sempre por riba dos dous díxitos.

Desde o principio da pandemia, hai xa un ano, os medios públicos galegos reenfocaron o seu labor informativo e de entretemento para dar resposta a unha situación sen precedentes, en que a sociedade demandaba unha resposta tamén sen precedentes, á que se sumaron os traballadores da televisión e da radio galegas. Sempre mantendo as medidas necesarias para garantir a saúde dos seus traballadores tanto dentro como fóra das sedes da CRTVG, a Corporación reorganizou os seus recursos, humanos, loxísticos e técnicos e a audiencia respondeu con máis fidelidade tanto ao longo de 2020 coma neste comezo de 2021. 

Fuente Crtvg.es