A CRTVG, finalista nos Premios Paraugas co proxecto #Instagal de fomento da lingua galega en Instagram

0
2

Santiago, 21.11.2019.-     A CRTVG é finalista nos IV Premios Paraugas de Comunicación e Marketing de Galicia, creados polo Clúster Galego da Comunicación Gráfica para distinguir as mellores campañas, estratexias de creatividade, deseño, artes gráficas e editorial, e accións de mercadotecnia e comunicación de Galicia. #InstaGal, o proxecto que retrata a diversidade lingüística de Galicia a través das redes sociais, foi elixido finalista na categoría de Premio ao Mellor Proxecto de Social Media.

Nesta categoría, a CRTVG ten como competidoras s Axencia Nasas, coa campaña “Edición Memes” para Cabreiroá, e a axencia By Sidecar, con “Influencers naturais” para Central Lechera Asturiana. A nominación fíxose pública hoxe en Santiago nun acto ao que asistiron Rosa Vilas, adxunta ao director xeral da CRTVG, e Alba Mancebo, xefa de Extensión Audiovisual da TVG.

#InstaGal é unha aposta polo entretemento e a divulgación a través da creación de contidos dixitais propios nunha plataforma cos que os medios públicos galegos poñen en valor e descobren palabras galegas en uso. Todas as semanas proponse unha palabra nas historias de Instagram da Televisión de Galicia (@tvgalicia) para que os usuarios acheguen sinónimos que se empregan na súa zona. Desta forma, dáse a coñecer o uso dese termo nas distintas variedades dialectais da comunidade. Tras a recollida das participacións por parte dos usuarios e a análise desde o servizo de Asesoramento Lingüístico da CRTVG, publícase un vídeo tanto en Instagram como en YouTube en que se comenta a participación, a procedencia e o significado que se lle dá á palabra por toda Galicia.

#InstaGal naceu en 2019 como un proxecto para a promoción da lingua galega -un dos obxectivos fundacionais da CRTVG- especialmente entre a xente nova, que é o perfil maioritario dos usuarios desta rede social. Cada semana chegan respostas de toda Galicia, entre elas de centros educativos que o empregan nas súas clases de lingua, e tamén de países como Portugal ou O Brasil.

Gala de entrega dos Premios Paraugas, o 29 de novembro en Ourense

Os Premios Paraugas de Comunicación e Marketing de Galicia chegan á súa cuarta edición convertidos nun referente no sector galego de comunicación que cada ano recoñecen a capacidade innovadora, a funcionalidade e as boas prácticas de empresas, organizacións e axencias galegas. Os gañadores das distintas categorías coñeceranse en directo na gala de entrega dos Premios Paraugas, o venres 29 de novembro en Ourense. Na mesma xornada tamén se celebrará o Foro de Comunicación de Galicia, con mesas redondas e relatorios de profesionais nestes eidos.

Fuente Crtvg.es