A CRTVG publica o seu informe de RSC, no marco dos principios do Pacto Mundial da ONU

0
6

Santiago, 02.12.2019.-  A Corporación de Radio e Televisión de Galicia acometeu en 2018 a maior transformación da súa historia coa implantación do novo sistema de produción dixital, segundo se desprende do oitavo Informe de Progreso, documento onde se recollen as melloras e avances en materia de Responsabilidade Social Corporativa (RSC), de acordo cos principios do Pacto Mundial das Nacións Unidas.

Esta oitava edición do Informe de Progreso foi publicada nas web de Pacto Mundial, tamén na páxina das Nacións Unidas Global Compact e no Portal de Transparencia da CRTVG.

Coa elaboración deste documento anual, a CRTVG expresa aos seus grupos de interese o seu compromiso cos dez principios básicos de conduta do Pacto Mundial da ONU, que atanguen aos dereitos humanos, ás normas laborais, ao medio natural e á prevención e loita contra a corrupción. Desta maneira, a organización avalía e cuantifica, na medida do posible, o cumprimento deses obxectivos.

Nesta publicación sinálase como a posta en marcha da dixitalización implicou unha nova formulación da organización do traballo, así como levar a cabo un gran proceso formativo dirixido a todos os profesionais do medio. Esta reorganización permitiulle á CRTVG adaptarse a un escenario audiovisual cambiante e ás novas necesidades sociais, que esixen adecuarse ás novas formas de consumo, ser máis accesible para a audiencia desde calquera soporte e producir contidos para as novas plataformas de difusión de Internet, sen desatender os medios de comunicación tradicionais.

Cómpre salientar, que a CRTVG avanzou tamén na creación de accións de RSC, baseadas nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da ONU, que buscan xerar valor social e contribuír á solución de retos sociais. Así, en 2018 ideáronse catro campañas centradas na educación dixital, nos hábitos saudables e na educación viaria, na cultura galega e na igualdade de oportunidades educativas no ámbito da ciencia.

Fuente Crtvg.es