A película Maria Solinha, participada pola TVG, chega este venres a salas de cine de toda Galicia

0
10

Santiago, 26.11.2021.-    Despois da súa exitosa xira de proxeccións por toda Galicia en formato de autocine e cine na rúa, con máis de 50.000 espectadores, este venres chega a salas de toda Galicia a película ‘María Solinha’, unha produción de Vía Láctea Filmes participada pola TVG.

O filme de Ignacio Vilar ía estrearse o 13 de marzo de 2020, pero a pandemia mundial paralizou todo e, cos cines pechados, a produtora puxo en marcha unha innovadora estratexia de distribución e exhibición, que levou a longametraxe durante os veráns de 2020 e 2021 a pequenas localidades galegas e, posteriormente, ás grandes cidades, nun esforzo imaxinativo por adaptarse ás circunstancias sanitarias.

Coincidindo coa semana en que se celebra o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a partir deste venres poderá verse nas grandes salas das principais cidades e vilas galegas unha película que recupera a personaxe histórica de Maria Solinha, acusada de bruxería pola Inquisición e queimada no século XVII, desde unha óptica feminista e desde a loita pola igualdade.

A película, gañadora do 66º Taormina Film Fest, narra como un afamado director chega a Cangas do Morrazo para reconstruír no teatro a historia de María Solinha. A protagonista da obra sofre, no século XXI, acedos ecos da agresión que sufriu Solinha no seu tempo. Ignacio Vilar, director de filmes como ‘Pradolongo’, ‘Vilamor’ e ‘A Esmorga’ leva así á gran pantalla a lenda dunha muller icónica.

Grial Montes e Laura Míguez son as protagonistas desta versión contemporánea da lenda dunha figura visionaria, cuxo anhelo de liberdade a converteu en símbolo feminista. O elenco conta tamén co candidato ao Premio Goya por ‘Mientras dure la guerra’, Santi Prego, co gañador do Premio Feroz Antonio Durán ‘Morris’, con quen xa colaborou Vilar na premiada ‘A Esmorga’, e coa veterana intérprete Mabel Rivera. O músico lucense Abraham Cupeiro asina a música do filme, en que incorpora instrumentos milenarios coma o cárnyx ou a caracola.

Fuente Crtvg.es