A película ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’, participada pola TVG, preséntase este venres na Coruña

0
78

Santiago, 24.02.2022.-   A Televisión de Galicia, Zenit Televisión e a Axencia Galega das Industrias Culturais presentan este venres, ás 19.00 h, no Teatro Colón da Coruña a película ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’, baseada na figura desta poeta, novelista e xornalista galega, a primeira muller española correspondente de guerra, que narrou momentos claves do século XX. O filme, participado pola TVG, onde se emitirá o vindeiro 2 de marzo, contou tamén coa colaboración do Concello de Oleiros e da Deputación da Coruña.

‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’ relata a estancia en Galicia da escritora e intelectual coruñesa, interpretada pola actriz Isabel Naveira, cuxa carreira literaria abrangue un amplo volume de obras en varios xéneros. Ademais, chegou a escribir nos grandes xornais da época como ‘El Liberal’, ‘El Imparcial’ ou ‘ABC’, xornal onde foi correspondente de guerra durante 20 anos. Sofía Casanova foi unha muller de fondas conviccións e pioneira, que abriu o camiño para que outras mulleres esquecidas e invisibles puidesen formar parte do mundo literario e xornalístico.

Máis alá da actividade profesional, a película, dirixida por Zaza Ceballos e Noelia Muíño, destaca a parte persoal e humana da escritora: a crise existencial pola que atravesa, o refuxio na súa Galicia natal e a especial relación que a uniría de por vida coa súa criada Pepa, que se converteu no seu pano de bágoas e tamén na súa amiga e confidente.

A rodaxe de ‘Sofía Casanova’ tivo lugar na provincia da Coruña, máis concretamente no Concello de Oleiros, na localidade de Mera, e no Concello de Touro, na localidade de Dioño. Os concellos de Santiago e Rois tamén foron outros dos escenarios onde se levou a cabo parte da rodaxe do filme. Todas estas localizacións recrean os ambientes que formaron parte da vida da intelectual galega. A película conta cun elenco integramente galego, do que forman parte os actores Tito Asorey, Paula Cereixo, Mercedes Castro, Nuncy Valcárcel, Xosé Esperante, Fran Paredes, Fran Nogueira, Blanca Cendán e Arturo Zas.

Esta produción de Zenit Televisión forma parte dunha cobizosa serie de ficcións coas que a TVG quere achegarlle ao público o perfil de mulleres pioneiras da historia galega, como foi o caso das películas realizadas sobre a figura de Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Concepción Arenal e Rosalía de Castro.

Fuente Crtvg.es