A TVG achegarase á riqueza gastronómica galega co novo concurso de comida tradicional ‘Come a comarca’

0
8

Santiago, 18.03.2020.-  En todas as comarcas galegas hai un prato típico, unha comida senlleira que é o buque insignia e o orgullo da zona. O polbo do Carballiño, a empanada de Bandeira ou os callos de Meis son só algúns dos moitísimos exemplos que agocha a rica gastronomía galega. Son pratos que os veciños e restaurantes da zona levan decenas de anos preparando e que, polo tanto, fan mellor ca ninguén. Pero, e se non fose así? E se houbese un equipo de cociñeiros capaz de preparar mellor ca eles eses pratos típicos? Isto é o que vai intentar a partir deste mércores o novo programa da TVG ‘Come a Comarca’ (22.25 h), un formato de docushow e concurso gastronómico de comida tradicional.

Cada semana, o equipo de cociñeiros do programa, presentado por Fran Cañotas, trasladarase a unha comarca distinta para enfrontarse nun concurso popular aos mellores cociñeiros da zona preparando os pratos típicos da comarca. Trátase de cociñeiros afeccionados, con experiencia cociñando nas súas casas, nas dos amigos ou mesmo como amos das grellas e churrascos de verán. Cinco homes e mulleres de diferentes idades e procedentes de distintas zonas de Galicia formarán un só equipo. Terán que aprender, por unha parte, a cociñar e convivir xuntos e, pola outra, a preparar os pratos emblemáticos de cada comarca.

O programa dividirase en dúas partes. En primeiro lugar, os cociñeiros viaxarán a distintos lugares de cada comarca para coñecer todo o relacionado co prato típico de cada un deles: onde se produce o produto principal, como o cociñan os máis veteranos do lugar, cales son as posibles variantes do seu cociñado, etc.

A continuación, no lugar máis emblemático de cada comarca e nun ambiente de festa, reuniranse os veciños para apoiar os seus cociñeiros. Nas dúas cociñas instaladas para a ocasión, os dous equipos contarán con todo o necesario para elaborar, nun tempo limitado, un menú con primeiro prato, segundo e sobremesa, que representarán á perfección a gastronomía da zona. No momento da degustación, os veciños e veciñas probarán os menús e votarán polo seu favorito.

A comarca de Bergantiños, na estrea

Neste primeiro programa, o equipo de cociñeiros de ‘Come a Comarca’ visitará a comarca de Bergantiños para coñecer os segredos da súa gastronomía e aprender a facer o seu menú máis tradicional, composto por: salpicón de rape, fabas con abadexo e pan de ovo.

Rocío Martínez, xefa do restaurante Pementa Rosa, será a encargada de guiar os concursantes pola gastronomía de Bergantiños. Estes irán á peixaría Barrena, en Ponteceso, a aprender a limpar, desespiñar e tratar o rape. En Mens, Malpica, aprenderán a apañar e cociñar fabas da man de Antonio e Lola, agricultor e cociñeira, respectivamente. E, por último, visitarán a panadería Mesejo, en Carballo, para que lles ensinen a amasar e trenzar a sobremesa máis característica da comarca, o pan de ovo.

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse no Mercado Municipal de Carballo aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Ana Pose, do restaurante Zúric (Laxe), Marisol Martínez e Laura Ramos, do restaurante Mar de Ardora (Cabana de Bergantiños) e Chelo Fuentes e Adrián Agrelo, da Panadería Garcos (Coristanco). A súa habilidade nos fogóns e un xurado popular composto por 15 veciños da zona será quen decida que equipo ‘Come a Comarca’ de Bergantiños.

Fuente Crtvg.es