A TVG organiza esta noite a ‘Treixa-Romaría’ para celebrar os 30 anos da primeira actuación en directo do grupo Treixadura

0
12

Santiago, 29.07.2022.-     A TVG convida este venres os seus espectadores ao evento do verán en Galicia: a ‘Treixa-Romaría’, unha gran festa para celebrar os 30 anos da primeira actuación en directo de Treixadura, unha das formacións máis senlleiras da música tradicional galega.

A ‘Treixa-Romaría’ celebrarase no Portiño da Illa de Arousa, onde a Televisión de Galicia xuntará o grupo coa Banda de Música de Ribadumia, coa que interpretará dez dos seus temas máis emblemáticos, e co grupo de baile da Asociación Dorna da Illa de Arousa. A este gran evento tamén están convidados os grupos Monoulious Dop e Os Vacalouras.

O programa será presentado por Arturo Fernández e o músico Roi Casal, que serán os primeiros implicados na festa, xa que chegarán en dorna. A esta romaría virá xente por terra no peirao do Portiño, pero tamén polo mar, xa que unha parte do público verá as actuacións desde un galeón restaurado pola asociación Dorna. A ‘Treixa-Romaría’ ofrecerá moitas sorpresas, xa que cada grupo chegará dun xeito distinto: Monoulious Dop, en pedaleta; Vacalouras, en convertible, e os protagonistas, Treixadura, presentaranse en bicicleta.

Como en toda romaría que se prece, na que hoxe organiza a Galega haberá postos tradicionais, como chocolateiro, café de pota, rosquilleiras, froiteiras e unha gran mexilloada, por suposto, con produto da Illa de Arousa, un gran escenario que será un protagonista máis desta ‘Treixa-Romaría’.

Eventos G: ‘O día da patroa’

Cóntanse por milleiros as persoas que viven o día da festa como o máis importante do ano. Por iso e porque este ano volven por fin as romarías a toda Galicia, a TVG presenta esta noite, a continuación da ‘Treixa-Romaría’ un ‘Eventos G’ titulado ‘O día da patroa’, en que se fará un repaso das festividades máis importantes na nosa terra.

A este programa especial asistirán representantes das principais romarías do verán galego: o Corpiño de Lalín, o San Benitiño de Lérez, as festas do Carme que se celebran en media Galicia, o Santiago Apóstolo, o San Roque, o San Ramón, a Franqueira e, como non, a Guadalupe.

Farase unha viaxe polas distintas festividades e os espectadores coñecerán todas as peculiaridades de cada unha delas: verán cal é o menú que se adoita facer nas casas e aprenderán tamén como se debe vestir o día da patroa, cales son as tradicións nos distintos lugares e como se desenvolven as romarías atendendo ás características de cada zona. Romarías que deron a volta ao mundo, e que, como amosará ‘O día da patroa’, chegaron a cativar ata o corazón dun xaponés.

Todo isto, e moito máis, aderezado coa música da Roda, a Mekánika Rolling Band e a orquestra París de Noia, e presentado por Alba Mancebo e Arturo Fernández. Estes son os ingredientes dun programa, cargadiño de romarías e de festa, para este verán no que volve ‘O día da patroa’.

Fuente Crtvg.es