As películas ‘O corno’ e ‘O soño da sultá’, participadas pola TVG, compiten na sección oficial do Festival de San Sebastián

0
25

Santiago, 28.09.2023.-    A 71º edición do Festival Internacional de Cine San Sebastián, que se celebra estes días en Donostia, conta cunha destacada presenza galega, xa que ‘O corno’, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, e o filme de animación ‘O soño da sultá’, ambas as dúas participadas pola TVG, compiten pola Concha de Ouro na sección oficial do certame.

O filme ‘O corno’ fai historia ao ser a primeira longametraxe en galego e de produción galega que aspira á máxima distinción do festival. Este drama rural ambientado na Galicia dos anos 70 está protagonizado pola bailarina Janet Novás, no que é o seu debut no cinema, e conta no seu elenco con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros.

‘O Corno’ foi rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Miño (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, se ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.

Histórico é tamén que por primeira vez unha película de animación europea, a fábula animada ‘O soño da sultá’, compita na sección oficial de San Sebastián. Producida pola empresa galega Abano Producións e con dúas animadoras galegas no equipo, é unha coprodución internacional con Alemaña que conta co apoio de ETB, o Goberno vasco, o ICAA, a axuda de Media Creative Europa e a distribución de Filmin. A película está inspirada nun conto feminista indio escrito en 1905 por Rokeya Hossain que cobra vida grazas ao entusiasmo da directora Isabel Herguera.

Fuente Crtvg.es