‘Cantas ou non?’, o novo concurso de karaoke da TVG, levará cada semana o seu escenario itinerante a unha vila galega

0
27

Santiago, 19.07.2020.-   Nestes tempos raros, en que se botan de menos as orquestras tan típicas do verán galego, a verbena pona este ano ‘Cantas ou non?’ (19.30 h), o novo concurso diario da TVG baseado no karaoke, que se estrea este luns e que levará cada semana o seu escenario itinerante a unha vila galega, onde os concursantes seleccionados demostrarán ser uns auténticos profesionais do karaoke para levar o premio do concurso.

Como mestres de cerimonias, ‘Cantas ou non?’, contará con Fran Cañotas e Noelia Rey, que achegarán toda a espontaneidade, naturalidade e simpatía necesaria para lidar cos concursantes que veñan dar o cante en cada programa.

De luns a xoves, seis cantareiras e cantareiros, a maioría deles relacionados dalgún xeito co mundo da música, terán que convencer o xurado do programa e o público asistente de que a súa interpretación é a mellor. Os dous mellores de cada día enfrontaranse o venres desa mesma semana na gran final, onde só pode vencer un dos oito finalistas.

O xurado estará formado por tres membros, que cambiarán cada semana, ao ritmo en que o programa vaia mudando o seu lugar de celebración. Serán persoas coñecidas na vila en cuestión e na súa contorna, ben polos seus cantos de taberna, o seu humor contaxioso ou mesmo polo seu pasado profesional no mundo da música.

Despois de cada actuación, o xurado emitirá o seu voto de forma numérica. A maiores, en cada programa, pedirase que alguén do público suba ao escenario para cantar unha canción sorpresa. Ademais de pasar un bo rato, este/a valente terá o poder de dar 10 puntos ao concursante que máis lle guste.

A primeira parada de ‘Cantas ou non?’ será na vila de Sada, á que seguirán en vindeiras semanas Ribeira, Cangas do Morrazo, Ribadavia ou Fisterra, entre outras localidades.

Fuente Crtvg.es