Desde o Entroido de Redondela, ‘Vaia troula’ asiste tamén ás festas do Esquecemento, a Malla e a Empanada

0
30

Santiago, 21.8.2022.- Televisión de Galicia ofrece este domingo unha nova edición do festeiro ‘Vaia troula’ (23.15 h). Nesta ocasión, a presentadora, Noelia Rey, viaxará ao concello de Redondela para participar no seu divertido e multitudinario Entroido de Verán. E as reporteiras, coma sempre, estarán nas mellores celebracións da fin de semana.

O ‘Vaia troula’ desta noite continúa co seu intenso percorrido festeiro do mes de agosto. Neste senso, a reporteira Belén Vara irá a Xinzo de Limia co obxectivo de pasalo en grande nunha nova edición da Festa do Esquecemento.

Pola súa parte, Adela Bértolo visitará a parroquia da Bandeira, no concello de Silleda, para saborear a súa Festa da Empanada. Nesta celebración hai un gran concurso de deliciosas empanadas que ninguén debería perder. E Alba Lea viaxará a Doade, en Lalín, onde celebran unha enxebre Festa da Malla na que non falta ningún detalle.

As cámaras do programa tamén pasarán polo emocionante Naufraxio de Laxe, a gran sardiñada do concello de Sada e as festas de San Bartolomeu de Pravio en Cambre.

O menú trouleiro deste domingo á noite complétase coa festa dos produtos do mar da Illa de Arousa, as festas de Santa Cruz, en Oleiros, e a churrascada máis grande de Galicia que organizan en Carballido, no concello de Alfoz.

E para que a troula sexa total o programa deste domingo tamén ofrecerá a actuación da orquestra Los Españoles.

Fuente Crtvg.es