‘Desertores do asfalto’ pon en valor, desde hoxe na TVG, o amor pola nosa cultura popular e a vida no rural

0
29

Santiago, 31.01.2021.-  Castro de Rei, Couzadoiro, Piornedo, Cabanas, Meiro, o Couto Mixto, Muxía e mesmo Tourém, en Portugal, coma nunca se viran… A cantante Mounqup, de orixe francesa, un hotel con ioga nos Ancares, un surfeiro de Polonia ou unha inglesa na Ribeira Sacra. Esta é unha estampa da comunidade que o equipo de ‘Desertores do asfalto’ (20.00 horas), o novo espazo que estrea este serán a TVG, quere que se repita unha vez se saia da actual pandemia.

‘Desertores do asfalto’ é un programa que rematou de rodarse antes do confinamento. Percorreu as catro provincias e puxo en valor o mellor de nós mesmos: a cultura popular, a innovación no rural, as tradicións que se mesturan co novo e o día a día na parroquia ou concello dos que decidiron que non ían marchar á cidade. Aquelas persoas que desertaron de marchar e quedaron para traballar na súa terra, e aquelas outras que chegaron para quedar e sumar, van ser as protagonistas desta aventura e van axudar a contar a historia de Galicia coma nunca se fixo en televisión.

Ademais, no programa non só se verá un relato e as persoas contándolles historias á presentadora Rocío Barrio, senón que o equipo de ‘Desertores do asfalto’ visitou de novo os 13 lugares que percorreu para a gravación e fíxolles unha proxección aos protagonistas para ver o resultado. Así, en cada emisión poderanse ver as impresións das persoas que participaron en cada lugar.

Na estrea, o programa recala en Castro de Rei

Hoxe, ‘Desertores do asfalto’ achégase a Castro de Rei, un concello de 5.000 habitantes. Na súa sede parroquial, que posúe un rico conxunto histórico artístico, apenas quedan 150 persoas. Os espectadores poderán descubrir o destacado patrimonio desta vila grazas á Asociación de Amigos da Feira, amais de coñecer o castro de Viladonga e os seus achados. Nesta primeira entrega, visitarase Castro de Rei con Adolfo, un labrego que traballou nunha mina, que chegou a ter 400 operarios, e cunha desertora que arranxou a casa familiar e volveu de Lugo. Todo cunha feira e polbo polo medio e cunha proxección, onde os castrexos queren poñer en valor as súas parroquias.

Fuente Crtvg.es