#DígochoEu, o espazo da lingua nas redes da CRTVG, participa no LGx15

0
1

Santiago, 05.10.2020.-  O proxecto educativo da CRTVG arredor da lingua #DígochoEu participa na edición deste 2020 de LGx15, o evento para a difusión de ideas para o futuro da lingua, con charlas e exposicións de experiencias que organiza a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua. A edición deste ano será virtual por mor da emerxencia sanitaria, polo que a xornalista Esther Estévez, presentadora do #DígochoEu, gravou xa a súa participación. Na edición do ano pasado a CRTVG presentara outro proxecto, #InstaGal, neste evento con relatorios dirixidos a influír nas actitudes e conciencia lingüística e no futuro do galego.

#DígochoEu acadou, no que levamos de ano, case 100.000 páxinas vistas, sitúandose como un dos contidos máis visualizados cada semana en g24.gal, a web de informativos da CRTVG. Nas redes sociais consolídase no Instagram da TVG como o contido máis visualizado cada semana. Os vídeos, dun minuto de duración e formato moi ameno, publícanse todos os días e presentan unha palabra incorrecta de uso común, para logo ofrecer sinónimos e consellos para darlles unha reviravolta a esas expresións e achegando tamén o que se chama o ‘apuntamento lusófono’. A semana pasada #DígochoEu chegou á rede social TikTok (@digochoeu) cunha morea de contidos extra, e nestes días acadou máis de 2.600 seguidores. Algúns dos vídeos máis recentes subidos estes días tivo xa 51.300 reproducións. E poden verse tamén na canle de Youtube de TVG, con milleiros de reproducións.

Impulsado desde a área de Informativos da TVG, #DígochoEu foi creado o 1 de xaneiro. Para expandir o seu alcance, algúns dos vídeos ofrécense nos telexornais da Televisión de Galicia e tamén hai dispoñibles GIF de #DígochoEu para compartir estes consellos nas redes.

Fuente Crtvg.es