#DígochoEu, o espazo nas redes da CRTVG para promover o uso do galego, fai este xoves os 100 capítulos

0
107

Santiago, 07.04.2020.-             O proxecto #DígochoEu, posto en marcha pola CRTVG na súa web e nas redes sociais en xaneiro, emitirá este xoves o seu capítulo número 100. Cun formato breve e moi ameno, a CRTVG publica cada día un vídeo en g24.gal de só 1 minuto de duración, cunha palabra incorrecta de uso común, para logo ofrecer sinónimos e consellos para darlles unha reviravolta a esas expresións e achegando tamén o que se chama o ‘apuntamento lusófono’. #DígochoEu difúndese polas redes sociais de @g24noticias e na canle de Youtube da TVG. Para expandir o seu alcance, algúns dos vídeos ofrécense nos telexornais da Televisión de Galicia e tamén hai dispoñibles GIF de #DígochoEu para compartir estes consellos nas redes.

#DígochoEu, é un proxecto impulsado desde a área de Informativos e que presenta a xornalista Esther Estévez, tamén estes días de confinamento, desde a súa casa, e ten unha excelente acollida pola comunidade dixital, tanto en número de visitas como nas interaccións cos seguidores. Ademais, a selección de palabras segue sempre o fío da actualidade, nalgúns casos coas suxestións da propia audiencia como ocorreu recentemente coas palabras ‘bulo’, ‘sano’ ou ‘aillamento’. Nestes días de confinamento, os seguidores do #DígochoEu seguen gozando dos capítulos, pois Esther Estévez non descansa e continúa emitindo desde a súa casa para non faltar á cita de cada día cos seguidores dos medios públicos galegos.  

Repercusión nas escolas

Este proxecto tivo, amais, moita repercusión en institucións e escolas, onde docentes dirixíronse á CRTVG para usar os capítulos e ensinar dunha maneira divertida a falar mellor en galego. Os xornalistas Esther Estévez e Carlos Amado visitaron recentemente algún deles, como o IES Xesús Taboada Chivite, en Verín (Ourense), e no CEIP Atín-Cela, en Mos (Pontevedra), para coñecer as iniciativas dos nenos/as, amosarlles a importancia da corrección do galego e o papel que xoga a Corporación Radio e Televisión de Galicia como normalizadora e dinamizadora da lingua, e incluso gravaron capítulos do #DígochoEu nestes centros, coa axuda do alumnado.

Fuente Crtvg.es