Este domingo chega á TVG ‘Método Criminal’, nova serie co narcotráfico como tema de fondo

0
27

Santiago, 29.01.2021.-  Este domingo chega a serie ‘Método Criminal’ á Televisión de Galicia. Seguro que os espectadores lembran series de éxito da Galega, como ‘Pratos Combinados’ ou ‘Padre Casares’. Pois, coa estrea de ‘Método Criminal’ chega ao ‘prime time’ do domingo a serie de humor definitiva, unha divertida proposta co narcotráfico como tema de fondo.

Humor e un clan do narcotráfico, que pode saír mal? Nesta nova serie, os espectadores atoparán un criminal que non quere selo e un actor en horas baixas, ante o posible papel da súa vida. O punto de partida é cando Damián Canosa (Miguel Canalejo), que medrou vendo as series da TVG e que se dedica en corpo e alma ao negocio legal da súa familia, un tanatorio, ten que facerse cargo do negocio ilegal: o narcotráfico.

El non sabe nada do negocio, polo que non lle queda máis remedio que buscar axuda. Ten que atopar alguén que lle poida ensinar a ser un líder temido, respectado. Alguén carismático, un tipo deses que cando entra nun bar todo o mundo cala. Alguén como… Carmelo Matalobos! O problema é que non existe, el é un personaxe de ficción. Entón terá que conformarse con Luís Iglesia, o actor que lle deu vida. Se foi quen de construír o personaxe, será quen de ensinarlle a ser tan bravo como Carmelo. Agora, ten que convencer a Luís Iglesia para que o axude, e iso vai ser outra historia.

Dirixida por Jorge Saavedra e producida por Voz Audiovisual para a TVG, ‘Método Criminal’ ten un destacado elenco, con Luís Iglesia, Miguel Canalejo, Mara Sánchez, Sabela Arán e María Roja como protagonistas.

Desde este domingo a noite, a audiencia terá unha cita inescusable coa Televisión de Galicia se quere escachar coa risa, primeiro co noticiario máis disparatado, o ‘Malicia Noticias’, que sorprenderá os espectadores coa fichaxe de Eva Iglesias como presentadora e, despois, coa estrea da nova comedia ‘Método Criminal’.

Fuente Crtvg.es