Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social, sobre a vacinación nas residencias: «Este éxito será o preludio do que suporá para toda a poboación»

0
11

Santiago, 29.03.2021.- Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social, foi entrevistada esta mañá no espazo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde fixo un balance sobre a situación nas residencias un ano despois do comezo da pandemia, ademais de abordar diversos temas sociais de actualidade.

«As residencias están nestes momentos moi ben, con moi poucos casos positivos», afirmou a conselleira nunha primeira reflexión e amosándose positiva ante o avance da vacinación, que considerou un éxito que «será o preludio do que suporá para toda a poboación». Destacou que aínda que poden dar positivo, «todas as persoas maiores que se contaxiaron pasaron a enfermidade moi ben», aínda que «hai que manter a garda».

Fabiola García sinalou «a coordinación das autoridades sanitarias e os servizos sociais, a reforma estrutural das residencias e o impulso da tecnoloxía» como os tres piares fundamentais para continuar avanzando e «estar previdos polo que poida pasar».

Relacionado tamén co coidado dos anciáns, a conselleira falou do bo funcionamento das casas do maior, uns pequenos centros de día creados para que este colectivo estea «atendido, coidado e, sobre todo, acompañado». Remarcou que na actualidade son xa 63 casas do maior ás que pode acceder calquera persoa que necesite este tipo de apoio.

Na conversa mantida para a TVG esta mañá, a responsable de Política Social da Xunta de Galicia salientou o bo funcionamento da tarxeta básica, «unha axuda económica directa para as familias que necesitan que se lles bote unha man», e sinalou que neste momento teñen «35.000 familias atendidas», ademais de que «se están concedendo en 24 horas». Sobre o ingreso mínimo vital, García Martínez recoñeceu que «non está a cumprir as expectativas», principalmente por «problemas na tramitación»,  e destacou a capacidade de Galicia de xestionalo para «darlle unha resposta rápida a todas as familias».

A conselleira fixo tamén un balance sobre a seguridade nas escolas infantís: «Demostramos que todos os protocolos funcionaron, son lugares seguros», e puxo o foco sobre a apertura do prazo de matriculación animando a pais e nais a levar os seus nenos a unha escola segura: «Fomos un exemplo, fixémolo moi ben e agora hai que pensar nese novo curso escolar». Ademais, remarcou a súa intención de rematar este ano con 100 casas niño abertas no rural de forma gratuíta para os pais que teñen que ir a traballar. 

Fuente Crtvg.es