‘Facendo as Américas’ ofrece o sábado unha entrevista a Vázquez Raña, empresario de éxito oriúndo de Avión

0
27

Santiago, 27.08.2021.-  Olegario Vázquez Raña é o protagonista este sábado de ‘Facendo as Américas’ (19.55 horas), programa da TVG presentado por Estíbaliz Veiga e Ana Feijóo, que durante este verán segue o rastro de galegos ilustres, cuxas vidas ao outro lado do Atlántico son sobresaíntes. Vázquez Raña é un empresario oriúndo do pequeno concello ourensán de Avión, un dos galegos de máis éxito do mundo, quizais só comparable a Amancio Ortega, cun grupo formado por máis de 80 empresas, que abranguen sectores como o turístico e hoteleiro, os medios de comunicación, a banca, a sanidade, a construción ou a aeronáutico, entre outros, que dá traballo a máis de 100.000 persoas.

Nesta última emisión da tempada, ‘Facendo as Américas’ viaxa de Avión a México para coñecer a traxectoria profesional e persoal do que se pode considerar como o maior empresario mexicano. Traballador desde moi novo, o seu golpe de fortuna veu por mor de facerse cunha liña de autobús. A súa perseveranza, a súa capacidade de traballo e as súas habilidades nos negocios valéronlle para levantar o imperio que ten hoxe en día.

Da súa figura pódese destacar non só o seu éxito empresarial, senón a súa contribución a causas benéficas e ao deporte. Unha das súas afeccións é o tiro con arco, disciplina coa que participou nos Xogos Olímpicos. Outra das súas grandes paixóns é a vila de Avión, co que continúa profundamente vencellado e ao que regresa todos os anos.

Vázquez Raña, que se define a si mesmo como “unha persoa con moita sorte”, recibiu en exclusiva para TVG ao equipo de ‘Facendo as Américas’ no Colexio Miraflores de Ourense, unha institución por cuxo crecemento e consolidación el apostou moi forte nos últimos anos. Pero o equipo do programa tamén tivo a oportunidade de visitar parte das súas empresas en México.

Fuente Crtvg.es