Fernando Romay e Teté Delgado, primeiros concursantes de ‘O mellor DÉCADA casa’, o novo certame musical de ‘Luar’

0
24

Santiago, 19.03.2021.-  ‘Luar’ pon en marcha este venres ‘O mellor DÉCADA casa’,  un novo concurso musical que seguro sorprenderá os seus seguidores pola popularidade dos seus participantes, a maioría deles coñecidos pola súa traxectoria interpretativa. O elenco de artistas, formado polos actores Lucía Veiga, Sergio Pazos, Manuel Manquiña, Luís Iglesia, Teté Delgado, María Mera, Isabel Blanco e o exdeportista Fernando Romay, competirá cantando en galego os temas máis famosos das últimas oito décadas. Cada concursante representará unha década da historia da música e intentarán demostrar que a súa é a mellor.

Esta noite arranca o concurso coa participación de Teté Delgado, que representará a música dos anos 80 e interpretará ‘Quero un camión’, e de Fernando Romay, na década dos 90, participará coa canción ‘Amigos para sempre’. Cada semana competirán dous artistas galegos e o xurado serán eles mesmos, que se votarán entre si, e máis o público desde os seus dispositivos móbiles, podendo votar a través de Twitter, Facebook e Whatsapp. O concurso terá unha primeira fase, en que os concursantes cantarán tres veces ao longo de 12 semanas nun modelo de ‘liguiña’, e, despois, os mellor puntuados competirán en semifinais e final. O gañador doará 6.000 euros a unha ONG da súa elección.

Por outra parte, ‘Luar’ ofrecerá as novas propostas, tanto da música da terra como de fóra, como é o novo sinxelo das Alazán, ‘Me quedo contigo’. Sara e Encarna Salazar, irmás das Azúcar Moreno, achegan hoxe a súa versión de ‘Me quedo contigo’, unha das cancións de máis éxito dos seus tíos, Los Chunguitos.

Os Melidaos, pola súa parte, amosarán os temas do seu último disco ‘Tribo Nosa’, o cuarto disco deste grupo de música tradicional, formado por sete gaiteiros, en que a voz forma parte destacada tamén das súas propostas.

Tamén compartirán escenario esta noite o cantante José Manuel Gómez, Irene Iglesias, intérprete de orquestra que participou en ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ da TVG; a orquestra Finisterre, e a asociación cultural Donaire.

Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez Padín darán paso, coma en cada edición, a unha nova edición do certame de novos talentos ‘Recantos’, en que competirán Belehm, en representación de Lugo Sur, e Sofía Rial, de Terras de Compostela. Completan o elenco de convidados o humor dos cómicos Paco e Pepe e Litos. O concurso telefónico parte hoxe cun bote de 4.000 euros.

Fuente Crtvg.es