Final provincial da Coruña en ‘Come a comarca. As batallas’, que disputarán Fisterra e Melide

0
35

Santiago, 10.02.2021.-  A final provincial da Coruña chega esta noite a ‘Come A Comarca. As Batallas’ (23.25 h). Os cociñeiros e cociñeiras de Fisterra e Melide foron os clasificados para disputala despois de vencer a Bergantiños e A Barbanza respectivamente. Manuel Agapito, capitán dos fisterráns, e Pedro Coego, xefe dos melidenses, terán que liderar os seus equipos para acadar o pase á seguinte fase, que xa será interprovincial: disputarana as comarcas que mellor cociñan no norte de Galicia. Unha será lucense e a outra será a vencedora desta batalla.

Quen se fará coa vitoria? Esta incógnita será resolta na maior competición gastronómica da Televisión de Galicia, que, antes de medir as habilidades dos profesionais dos fogóns de ambos os dous territorios no cociñado, achegarase a coñecer algúns dos seus segredos culinarios. Así, o presentador do espazo, Fran Cañotas, embarcarase na pesca da robaliza no caso da comarca fisterrá e en Melide a cita será con Tania López, unha das agricultoras máis novas do seu mercado e que ensinará na súa horta como é a súa aposta polo produto de proximidade.

O menú que terán que facer os equipos a contra o reloxo para convencer na cata os 15 membros do xurado e acadar o triunfo será presentado polos sempre esixentes xefes de doces e salgados do programa: Gerson Iglesias e Manuel Garea. Vieira curada, perlas de algas e xamón; magret de pato lacado á cervexa con marmelada de caqui e París-Brest serán os tres pratos que serán elaborados en directo con retos engadidos e algunha sorpresa culinaria inesperada. Quen os fará mellor? Rematarán a tempo?

Polos melidenses, acompañarán a Pedro Coego, de O Recuncho do Convento, Román Varela, reposteiro da Pastelería Trisquel; José Mouriño ‘Novita’, de A Cantina de Eleu, e os tamén cociñeiros Pablo Laya e Daniel Fernández.

Baixo as ordes de Manuel Agapito, Fisterra cociñará con Manuel Díaz, do Parador da Costa da Morte; Miguel Silvarredonda, de Mar Viva, en Corcubión; Manuel Antelo, de A Casa do Peixe de Muxía, e Cristian Romero, de As Eiras, en Cee.

16 comarcas galegas participan cada semana en ‘Come A Comarca. As Batallas’, representadas por equipos de cinco cociñeiros profesionais. Os gañadores optan a un premio de 15.000 euros e os finalistas faranse con 5.000.

Fuente Crtvg.es