‘Galicia en goles’ ofrece hoxe en directo o Atlético-Celta e o Lugo-Espanyol

0
10

Santiago, 08.02.2021.– A Radio Galega ofrece esta noite unha edición especial de ‘Galicia en goles’ para contar os partidos que pechan a xornada que comezou o venres pasado. Desde as oito e media, Paco Santos dirixe as retransmisións dos dous encontros en que participan os equipos galegos da Liga Profesional: Atlético de Madrid-Celta de Vigo e Club Deportivo Lugo-Espanyol de Barcelona.

Roberto Carlos Carballo encargarase na narración do que suceda no estadio Metropolitano, onde o Celta visita ao actual líder e firme candidato á conquista do campionato na Primeira División. Víctor López, Jose Valtierra e Moncho Carnero trasladarán os comentarios técnicos e tácticos á audiencia.

Mentres, o Lugo recibe no Anxo Carro un dos favoritos para o ascenso, o Espanyol. Raúl Villares, na narración, e Emilio González e Rafa Porto como analistas, integran o equipo que comentará os 90 minutos de xogo.

A partir das 11 da noite, os oíntes poderán escoitar as roldas de prensa de Chacho Coudet e Mehdi Nafti, no programa ‘Ao contraataque’.

O martes haberá tamén retransmisión deportiva na Radio Galega. Desde as oito e vinte e cinco minutos, a audiencia poderá seguir o Andorra-Obradoiro, da Liga ACB de baloncesto. O equipo santiagués chega a esta cita tras perder o sábado pasado na pista do Zaragoza.

Todas as emisións deportivas da Radio Galega poden seguirse a través da FM, TDT, radiogalega.gal e aplicacións como Radioplayer España, ademais dos altofalantes Alexa.

Fuente Crtvg.es