‘Galicia en goles’ retransmite a primeira xornada da Liga

0
27

Santiago, 12.08.2021.- Comeza unha nova temporada da Liga de fútbol e ‘Galicia en goles’ volve poñer a maquinaria en marcha. O sábado e o domingo, desde as 5 da tarde, Xoán Galán dirixe as primeiras retransmisións co Celta de Vigo e o Club Deportivo Lugo como protagonistas.

O sábado, o programa estará presente no derby vigués Bouzas-Coruxo, dos cuartos de final da Copa RFEF. Tamén contará os amigables Pontevedra-Vilalbés, Interrías-Deportivo da Coruña, de fútbol feminino, e o Guardés-Valladolid, de balonmán feminino. A partir das nove e media da tarde, o programa conectará con Ribeira, onde Ana Peleteiro recibirá a homenaxe do seu pobo tras conquistar a medalla olímpica de bronce.

Xa o domingo, o interese pasará por Balaídos, co Celta-Atlético de Madrid, da Primeira División. O equipo vigués comeza o curso ante o actual campión. Cando remate o encontro de Vigo, comezará no Carlos Tartiere o Oviedo-Lugo, da Segunda División. Durante a tarde tamén haberá conexións cos amigables Deportivo-Castilla e Rácing de Ferrol-Compostela, cando quedan dúas semanas para que comece a Primeira Federación.

A partir das 11 da noite, ‘Galicia en goles’ dará paso á mesa de debate de ‘Ao contraataque’, da man de Pedro Pablo Alonso.

Fuente Crtvg.es