‘Galicia en goles’ retransmite o fútbol profesional e o comezo da Primeira RFEF

0
9

Santiago, 26.08.2021.-  O mes de agosto remata con catro atractivos partidos de fútbol que a Radio Galega contará no ‘Galicia en goles’ durante a fin de semana. Xa o venres, desde as 11 da noite, Toni López analizará cos especialistas todo o calendario dos nosos equipos.

O sábado, desde as 4 da tarde, o interese estará en Balaídos, onde o Celta de Vigo afronta a visita do Athletic de Bilbao para buscar a primeira vitoria do curso antes do paro polas seleccións. O outro encontro do día é o que xogarán na Malata o Rácing de Ferrol e o Unionistas de Salamanca, na apertura da recentemente creada Primeira RFEF.

Cando remate o fútbol, o programa conectará coa final da Copa Galicia ACB de baloncesto entre o Obradoiro e o Breogán, que se desenvolverá no pavillón da Malata de Ferrol. Tamén informará da final do torneo de balonmán do Rosal e da presentación no palacio de Riazor dos dous equipos do Liceo, o masculino e o feminino, ante o Sporting de Lisboa.

O domingo, a partir das 5 da tarde, abrirá a xornada galega o Lugo-Valladolid, da Segunda División. Polo Anxo Carro pasará un equipo que acaba de descender da Primeira División e que está programado para regresar canto antes á elite. Para a noite queda reservado o primeiro derby da Primeira RFEF, que enfrontará en Riazor o Deportivo da Coruña e o segundo equipo do Celta. O ‘Galicia en goles’ prolongarase ata as 12 da noite para escoitar os protagonistas dos dous conxuntos.

As emisións de ‘Galicia en goles’ chegan á audiencia da Radio Galega a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España e os altofalantes Alexa. Ademais, os oíntes poden recuperar os mellores momentos nos destacados e nos podcast da web radiogalega.gal.

Fuente Crtvg.es