José Miñones Conde, delegado do Goberno en Galicia: «O PSdeG ten que escoitar de novo a cidadanía»

0
57

Santiago, 06.04.2021.- José Miñones Conde, o novo delegado do Goberno en Galicia, foi entrevistado no espazo ‘Bos días’ da Televisión de Galicia, onde fixo unha primeira análise do seu cargo, das súas perspectivas de futuro e da súa responsabilidade como relator no Congreso Federal do PSOE, que terá lugar en outono en Valencia.

Miñones Conde, cuxa toma de posesión do cargo terá lugar o vindeiro xoves, amosouse ilusionado: “É un reto bonito e cólloo con moito ánimo”. En canto ás relacións co Goberno galego, recoñeceu o seu bo carácter xa como alcalde de Ames e a súa intención de seguir nesa liña, mantendo a “máxima lealdade coa Xunta”. Tamén adiantou o seu interese por manter o mesmo equipo de subdelegados, achegando así unha “continuidade renovada implementando novas accións”. Para el, “o traballo realizado ata o momento era bo”, e agora pon o foco en “abrir unha nova liña de acción municipalista” e comprométese a “levar a delegación aos concellos e á cidadanía”.

En canto á situación do PSdeG, remarcou a necesidade de “escoitar a cidadanía”, asegurando que o partido “é referente nos principais concellos, a mensaxe está ben asentada e hai que saber chegar a autonomía con estas políticas municipais”. Sobre a crise económica que vive actualmente a industria no norte de Galicia, o político socialista salientou a súa intención de “estar no terreo para escoitar a todas as partes” e “mostrar o noso apoio e o interese do Goberno en que non se perda emprego”. Así mesmo, destacou a importancia do municipalismo e fixo fincapé en que o “reto demográfico non se arranxa só con afianzamento, hai que reestruturar”, xa que “cada comunidade ten as súas particularidades”. Ademais, amosouse optimista e asegurou que “podemos conseguir que volva a xente ao rural”, aínda que “son cousas que requiren de tempo”.

Fuente Crtvg.es