‘Luar’ recibe este venres a gaiteira Susana Seivane, o grupo Loco Mía e o histórico cantante Sito Sedes

0
77

Santiago, 28.04.2023.-    O espazo musical ‘Luar’ contará esta semana coa presenza de Susana Seivane, unha das gaiteiras galegas con máis recoñecemento nacional e internacional, herdeira dunha das familias máis prestixiosas dentro do mundo dos gaiteiros. A artista interpretará temas de ‘Dende o meu balcón’, o seu sexto disco, que supón a volta ao sustrato ancestral sobre o que construíu a súa carreira.

O programa tamén recibirá a visita de Loco Mía, grupo de electro-pop que gozou de gran popularidade a finais dos anos 80 e comezos dos 90 en España e Hispanoamérica. Volven para celebrar 36 anos sobre os escenarios coa nova xira ‘Back to the Glam’, con novos temas e cos grandes éxitos que deleitarán os nostálxicos de onte, hoxe e sempre.

Tamén están convidados ao ‘Luar’ deste venres Los Duques de Monterrey, grupo formado por Linda Lamarr e Indy Tumbita, unha parella que leva axitando a escena viguesa desde mediados dos 90. A súa música é un cruzamento de camiños entre os corridos mexicanos, a realidade social da droga en Galicia e o rock & roll.

Ademais, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández recibirá nesta edición unha das lendas da canción en Galicia, o gran Sito Sedes, histórico vocalista de Los Satélites. A súa lendaria voz como cantante estrela desta formación permanecerá vinculada á memoria das grandes verbenas. Hoxe segue cantando, despois de 50 anos de traxectoria.

O cartel musical desta noite complétase coas actuacións da orquestra Miramar, do grupo de música e baile tradicional Trébede e da charanga de Negreira Mekánika Rolling Band, oito músicos que levan con eles en vivo un asombroso escenario rodante e moitos efectos visuais.

No tempo do concurso ‘Recantos’, chegará a quenda de Mar Brey, representante da comarca Galicia centro, e de Arián, procedente de Bergantiños, que interpretarán senllas cancións e tamén un tema a dúo.

Fuente Crtvg.es