Na ‘Gala de Fin de Ano’ da TVG, os espectadores descubrirán quen é o culpable do que pasou en 2020

0
17

Santiago, 31.12.2020.- A deste 2020, como non podía ser doutro xeito, será unha Noitevella moi especial na Televisión de Galicia. Por un lado, porque suporá a ‘volta á casa polo Nadal’ de Xosé A. Touriñán. Por outro, porque na ‘Gala de Fin de Ano’ (22.00 h) os espectadores descubrirán, nunha divertida parodia do xogo Among US, quen é o culpable do que pasou este ano.

Xosé Ramón Gayoso presentará un programa especial en que se desenvolverá unha trama coa participación dos actores Carlos Blanco, Marcos Pereiro, Federico Pérez, Lucía Veiga e o propio Touriñán. Tamén están convidados á velada moitos presentadores da Televisión de Galicia, como Lucía Rodríguez, Susana López, Eduardo Herrero, Gustavo Varela, Diego Viaño, Xulia Campo, Alba Mancebo, Arturo Fernández, Roberto Vilar, Marcial Mouzo, Xoanqui Ameixeiras e Fran Cañotas, entre outros.

Ao longo da noite iranse dando unha serie de claves para atopar o responsable da desfeita que trouxo 2020 e, entre pista e pista, os espectadores poderán gozar coas actuacións dos mellores artistas a nivel nacional, como Marta Sánchez, unha das grandes estrelas da música española; o popular Sergio Dalma, que ofrecerá as súas versións de clásicos italianos; Mónica Naranjo, unha das voces máis privilexiadas do país; a cantante estremeña de pop-dance Soraya; Ana Torroja, unha das maiores representantes do pop español; a cantante granadina Rosa López, unha das artistas máis queridas do país; Rosario; o grupo Fangoria e o dúo Ázucar Moreno.

Tamén pasarán polo escenario Carlos Jean, un dos máis recoñecidos representantes da escena electrónica, non só galega, senón tamén española; Heredeiros da Crus, un dos referentes do rock galego; o incombustible King África; o cantante asturiano Melendi; o grupo Nancys Rubias, liderado por Mario Vaquerizo; a cantante galega Sabela, que está a presentar o seu primeiro disco; a banda Boney M Experience e a artista coñecida como La Pelopony.

A música tradicional galega estará representada pola banda de gaitas Abertal; o histórico grupo Treixadura; o coro Abeleiras de Alxán; o grupo vigués Pelepau, que adapta temas da tradición galega para percusións; os gaiteiros de Melidaos e o grupo Festicultores, que destaca pola diversión e creatividade que poñen en cada unha das súas actuacións.

Nesta festa de benvida de 2021 non podían faltar as mellores orquestras galegas. Así, o programa contará coa presenza de Panorama, o buque insignia da verbena galega; El Combo Dominicano, todo un fenómeno de masas pola espectacularidade do seu show; Cinema e Olympus.

Á marxe do humor e da longa listaxe de actuacións musicais, un dos momentos cumio da noite, será sen dúbida, as badaladas desde a praza do Obradoiro, en que Gayoso estará acompañado pola campioa de atletismo Ana Peleteiro, unha parella de luxo para entrar da mellor forma posible no novo ano na compaña da Televisión de Galicia.

Fuente Crtvg.es