Noite de estreas na Televisión de Galicia, onde hoxe arrancan o concurso ‘Atrápame se podes’ e a serie turca ‘Irmáns’

0
9

Santiago, 27.06.2021.-     A programación de verán arranca hoxe na Televisión de Galicia, que escolleu o prime time do domingo para estrear dous dos pratos fortes da súa grella para os vindeiros meses: o concurso ‘Atrápame se podes’, un dos formatos líderes das televisións autonómicas coa súa fórmula de cultura aderezada con moito humor, e a serie ‘Irmáns’, coa que aterra na TVG o fenómeno mundial da ficción turca.

Presentado por Paco Lodeiro, o concurso de preguntas e respostas ‘Atrápame se podes’, que se emitirá de domingo a mércores ás 22.00 h, convidará o espectador a xogar desde a casa e daralles aos concursantes a posibilidade de gañar importantes premios, xa que cada día porase en xogo o bote acumulado ao longo dos programas anteriores, un bote que comezará con 2.000 € e que, se ningún concursante o acada, se irá incrementando diariamente en 200 €.

‘Atrápame se podes’ ten a estrutura dun quiz-show clásico: un presentador e cinco concursantes que competirán durante cada programa. O concurso ten catro fases. Na primeira xogan os cinco concursantes e nas seguintes vanse eliminando un por un ata chegar dous á final. As preguntas son de cultura xeral, aínda que moitas delas estarán adaptadas á idiosincrasia galega.

Cada día, o concurso comezará cunha batería de preguntas, unha rolda rápida para ir entrando en materia. Os acertos de cada concursante marcarán a orde de xogo na seguinte rolda, o duelo de temas, en que deberán elixir un tema e un adversario para que responda catro preguntas relacionadas. Nesta sección quedará eliminado un participante e os catro restantes, organizados en dous equipos, xogarán ao ‘Branco ou negro’. A parella que pasará á seguinte fase será a primeira en acertar cinco preguntas.

Na gran final, cada concursante situarase a un lado da escaleira instalada no estudio, onde terán que responder alternativamente as preguntas. Se acertan, subirán un chanzo. Se fallan, manteranse na súa posición, pero, despois do primeiro fallo, perderán a posibilidade de gañar o bote do programa. O primeiro concursante que chegue ao quinto chanzo será o gañador do día, levándose o bote, se subiu sen fallar ningunha pregunta, ou 200 € en caso de cometer algún erro.

Os primeiros aspirantes a conseguir o premio de ‘Atrápame se podes’ serán esta noite Vicky, de Vilagarcía de Arousa; Suso, de Baamonde; Icía, de Malpica; Moncho, de Ribeira, e Maruxa, da Coruña.

Irmáns

A continuación, emitiranse os dous primeiros capítulos da serie de éxito internacional ‘Irmáns’ unha ficción de 50 episodios que a partir do día 28 se ofrecerá nas tardes de luns a venres, sobre as 19.15 h. Con ela, os espectadores poderán escoitar, por primeira vez, os actores turcos falando en galego. A TVG súmase así ao fenómeno mundial da nova ficción turca e ofrecerá a súa estrea absoluta en España.

‘Irmáns’ desenvolve a historia de catro persoas que nacen o mesmo día, uns trixemelgos e o seu pai, e transcorre en dúas liñas temporais: a vida duns pais a comezos dos 90 e o día a día de tres irmáns de 35 anos no presente. A serie, que ten entre os seus protagonistas unha das actrices de ‘Love is in the air’, tocará o corazón de persoas de todas as idades cunha trama familiar en que destacan os lazos inquebrantables que unen os tres irmáns.

Unha familia que perde un fillo nun parto múltiple. Unha rapaza que non se sente cómoda co seu corpo, o que lle provoca inseguridade para atopar o amor. Un modelo guapísimo que non é feliz. Un empresario de éxito coa obsesión de descubrir as súas verdadeiras orixes. Estes e outros personaxes serán os protagonistas das tardes da TVG.

Os espectadores verán esta noite como, coa característica alegría da xuventude, Reyhan e Cem esperan o nacemento dos seus trixemelgos. De alí a 35 anos, Berk, Beste e Mahur, os seus tres fillos, levan cadansúa vida e afrontan os problemas da idade adulta: mentres Berk se rebela ante a falta de satisfacción que lle trae a súa vida profesional, Beste busca desesperadamente un mozo con quen casar e Mahur, que é adoptado, anda na procura do seu pai biolóxico.

No seguinte episodio, Mahur consegue localizar o seu pai biolóxico, quen lle revela que non acorda sequera o día en que o abandonou nunha mesquita. Entrementres, Berk decide reorientar a súa carreira cara ao cinema e abandona a produción publicitaria en que estaba a traballar a desgana. Despois de verse rexeitada por un rapaz que atopou nunha aplicación dixital de citas, Beste coñece un pasteleiro chamado Erdem Beyaz, que lle propón quedaren para cear.

Fuente Crtvg.es