Noite de reencontros e estreas en ‘Luar’, coa música de Rozalén, Amistades Peligrosas e Silvia Pantoja

0
40

Santiago, 11.12.2020.-  A cantautora albaceteña Rozalén regresa esta noite a ‘Luar’ (22.05 h) para presentar os temas que recolle no novo álbum ‘El árbol y el bosque’, o seu cuarto traballo discográfico, máis introspectivo e colorista, en que se poden escoitar melodías pop, rancheiras, son cubano e mesmo funk. Xosé Ramón Gayoso, Patricia F. Santana e Rocío Rodríguez darán tamén a benvida no estudio a sevillana Silvia Pantoja, artista asentada nos últimos anos en México, para interpretar algunhas das cancións de máis éxito do seu repertorio.

Esta seguirá sendo unha noite de reencontros, xa que o espazo da Galega será testemuña do regreso de Amistades Peligrosas, dúo formado por Cristina del Valle e Alberto Comesaña que, 30 anos despois, estrea un novo sinxelo, ‘Alto el fuego’.

E a música da terra tamén soará con Fanfarria Furruxa, grupo de Caldas de Reis, que enche de diversión cada unha das súas intervencións; coa Coral de Ruada e coa escola de baile, e música tradicional Rebulir. A orquestra Barahona porá o ramo ás actuacións musicais coas súas propostas de salsa.
    
Por outra parte, no certame de novos talentos ‘Recantos’ competirán Begoña Mazaira, de Ourense sur, e Yeni Paz, de Ourense norte. Completan o elenco de convidados o epidemiólogo e profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Juan Gestal, que responderá todas as dúbidas e consultas que formule a audiencia. A maiores, gozarase co humor de Os Tristes, dúo formado por Federico Pérez e Marcos Pereiro, e cos divertidos monólogos de Cuqui.

Fuente Crtvg.es