O cine galego reencóntrase cos festivais

0
10

Santiago, 06.11.2021.-   Reactívanse os festivais nacionais e internacionais e o cine galego regresa a estas plataformas de promoción e presentación ante o sector. Esta mesma semana coñeceuse que o filme ‘Tres’, apoiado pola TVG, participa nos Premios Forqué, na categoría de mellor longametraxe e mellor interpretación para a actriz galega Luísa Merelas, xunto aos seus compañeiros de reparto Marta Nieto e Miki Esparbé.

Cine galego nos festivais de Sevilla e de Xixón

De cara a este mes de novembro e ás novas citas do mundo do cine, a longametraxe ‘Que fixemos mal?’ estrearase na sección oficial do Festival de Sevilla que arranca o 6 de novembro, e logo viaxará a Estonia á súa presentación internacional no Black Nights Film Festival (PÖFF), un dos certames máis relevantes de Europa. ‘Que fixemos mal?’, de Liliana Torres, directora e protagonista, narra a crise dunha parella na que ela decide visitar antigos noivos para atopar respostas ao seu baleiro interior. Trátase dunha reflexión sobre as relacións sentimentais nestes tempos e a busca da felicidade, producida por Matriuska Producciones xunto con Avalon e Ringo Media.

Pola súa parte, o documental ‘Welcome to ma maison’, de Gaitafilmes e dirixido polo galego Andrés Goteira, competirá no Festival de Xixón que se inicia o día 20. ‘Welcome to ma maison’ é unha longametraxe íntima e con partes ficcionadas baseada nas desventuras do actor Igor Fernández, que, tras un colapso emocional, decide afastarse da interpretación e centrarse na investigación cinematográfica e a linguaxe xestual no cine. Goteira volve á gran pantalla logo da súa aclamada ‘Dhogs, en 2017.

Por outra parte, na recente edición da Seminci de Valladolid, a produción ‘A Virxe Roxa’, de Marcos Nine, competiu na sección de documentais Doc España. ‘A Virxe Roxa’ é un biopic sobre Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart que narra o parricidio desta no ano 1933. O documental foi producido por Recrea Films sobre unha idea de Amalia Mato e Chema Gagino, produtores da película, e conta co apoio principal de Agadic e a CRTVG. Utiliza imaxes de arquivo de máis de 420 películas de cine clásico. Entre elas, imaxes cedidas por Francis Ford Coppola.

No mesmo festival tivo lugar a proxección especial de ‘A Cero.5’, de Gonzalo Suárez, un documental autobiográfico de Agallas Films que relata a vivencia do director vigués, quen estudaba Comunicación Audiovisual cando sufriu un accidente que o deixou parapléxico. Con material audiovisual doméstico de arquivo, o documental amosa a súa vida e historia de superación.

Todos estes títulos forman parte das accións de apoio da CRTVG ao sector audiovisual galego.  Este é tamén o caso de ‘Ons’, a longametraxe de Alfonso Zarauza, rodada no Parque Natural das Illas Atlánticas e que se converteu este mes de outubro na primeira película de Netflix en versión orixinal en galego.

‘A illa das mentiras’, mellor película no London Spanish Film Festival

Por outra banda, ‘A illa das mentiras’, da directora Paula Cons, alzouse co galardón á mellor película na séptima edición do London Spanish Film Festival, celebrado a finais de setembro. Esta cinta fora tamén elixida mellor película nos Premios Celtic Media 2021, nos que tamén foi galardoada como mellor serie a produción da TVG ‘Auga Seca’.

Fuente Crtvg.es