O documental ‘Clown’s planet’, que retrata o traballo de pallasos activistas, estrea este martes na G2

0
24

Santiago, 22.3.2022.- A película documental ‘Clown’s Planet’ (23.25 h), dirixida polo realizador galego Héctor Carré e participada pola TVG, estréase este martes nas ‘Noites temáticas’ da segunda canle da Galega.

‘Clown’s Planet’ retrata o traballo de pallasos activistas en axuda dos desfavorecidos en diferentes lugares do mundo. Un deles é o galego Iván Prado, ao que o filme acompaña durante as súas funcións no Festiclown de Palestina, actividade organizada pola ONG de orixe galega Pallasos en Rebeldía. Con Iván e o resto de traballadores da ONG, os espectadores asistirán a diversas actuacións en campamentos de refuxiados de Nablus, Belem, Xerusalén, etc. Alí, na Terra Santa, o documental reflexiona sobre a importancia da maxia e a relixión para os seres humanos.

Outro dos protagonistas é Leo Bassi e o seu proxecto ‘Paticano’. Trátase dun espectáculo en que se representa unha igrexa dedicada a venerar a un parrulo de goma. Con Leo, ‘Clown’s Planet’ reflexiona sobre a necesidade de cerimonia e de maxia nas nosas vidas agora que a ciencia ten unha gran preponderancia na socieade, desprazando as relixións.

O documental desta noite da G2 tamén acompaña a Patch Adams nunha viaxe de pallasos en Rusia, nas cidades de Moscova e San Petersburgo. Os espectadores asistirán ao traballo solidario dos pallasos nos orfanatos e hospitais para nenos e adultos, así tamén como nas propias rúas das diferentes cidades.

En conxunto e coa axuda das súas opinións e vivencias, ‘Clown’s Planet’ relata o traballo dos activistas e a súa achega á sociedade e, ao mesmo tempo, as vantaxes que o seu punto de vista cara á vida pode achegar como cidadáns do século XXI.

O filme foi rodado en lugares tan diversos como Xerusalén, San Petersburgo, A Coruña, Nablus ou Madrid e, aínda que indaga sobre o valor do traballo dos activistas en lugares de conflito ou de sufrimento, ten un ton amable e divertido, mentres trata de entender as bondades que producen nas nosas sociedades actuais o humor e o punto de vista amoroso co que os pallasos enfrontan a vida.

Fuente Crtvg.es