O documental ‘Tesouros do Camiño Portugués’ ofrece este martes na G2 unha crónica da experiencia como peregrina da cantante Lucía Pérez

0
60

Santiago, 20.07.2021.-    Como cada martes, a segunda canle da Galega estrea esta un noite un novo documental. Nesta ocasión, será ‘Tesouros do Camiño Portugués (por Lucía Pérez)’, unha crónica da experiencia como peregrina desta cantante e presentadora galega. O documental, dirixido por Emilio J. Fernández, aborda unha descrición dalgún dos lugares máis significativos do Camiño de Santiago na súa ruta portuguesa do interior, en concreto, do trazado que comeza no Porto, pasa por Barcelos, entra en Galicia a través de Tui e aborda Santiago pasando por Padrón.

Non se trata dunha guía turística que abarque cada etapa do camiño de xeito pormenorizado. Máis ben, o documental exponse como unha crónica de viaxe narrada en primeira persoa e desde o punto de vista de Lucía Pérez, unha recompilación dalgunhas das súas lembranzas unha vez rematado o Camiño: as experiencias que viviu, os lugares que coñeceu, a xente coa que se atopou e os “tesouros” que levou consigo.

Ao longo do seu percorrido, Lucía atoparase con diversas persoas (historiadores, guías, cociñeiros, artesáns…) que lle darán a coñecer algunha particularidade da zona que está a visitar.

Ademais, os espectadores coñecerán monumentos históricos, parques naturais, aloxamentos e restaurantes emblemáticos con moitos anos de existencia, así como oficios e tradicións culturais variadas: artesanía, gastronomía, música. O documental tamén fai mencións específicas e dálles protagonismo ás lendas e lugares de culto xacobeo máis relevantes do Camiño Portugués do interior. Trátase de ofrecer unha visión amena e enriquecedora do extraordinario patrimonio cultural e natural que ten ao seu alcance calquera peregrino que decida emprender unha das rutas portuguesas do Camiño de Santiago.

Fuente Crtvg.es