O equipo de reformas de ‘Galicia bonita’ afronta esta noite senllos retos en Ourense e Neda

0
110

Santiago, 31.05.2021.- Televisión de Galicia ofrece de novo este luns dúas entregas do docu-reality de reformas ‘Galicia Bonita’ (22.20 h), programa que liderado pola arquitecta Rosa Facal, especializada na recuperación de contornas no rural e o seu equipo, formado polo albanel Javier, a decoradora Laira e o carpinteiro Carlos, percorre Galicia na procura dos feísmos máis comúns, para poder arranxalos.

A primeira parada será en Ourense, na parroquia de Santa Cruz de Arrabaldo. Alí, entre ferralla e amianto, Rosa e os seus axudantes atoparanse cunha fanática do equipo de reformas de ‘Galicia Bonita’. Paqui chamará todo o seu séquito de amigas para que veñan coñecer os seus ídolos, mentres a obra camiña con numerosos atrancos.

A continuación, o equipo do programa recalará na localidade coruñesa de Neda co cometido de mellorar estrutural e visualmente unha nova propiedade. Nesta ocasión, a arquitecta Rosa Facal e os seus axudantes terán que facer fronte a un dobre obxectivo. Por unha parte, tratar de manter a confianza de Carlos, o propietario da leira, e, pola outra, tratar de unificar un pendello dentro doutro pendello, e todo isto pasados por auga.

Fuente Crtvg.es