O espazo ‘Na Mente do Asasino’ afonda este martes no caso de Déborah Fernández, coa investigación aínda aberta

0
13

Santiago, 02.02.2021.-   O programa ‘Na Mente do Asasino’ (22.20 h), que afonda nos impulsos e pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes galegos máis impactantes dos últimos tempos, achégase esta semana ao caso de Déborah Fernández.

O 10 de maio de 2002, unha veciña da parroquia de Portocelo en Oia atopaba nunha cuneta o corpo sen vida desta moza de 22 anos, que saíra correr pola viguesa praia de Samil. Pasaran 10 días desde a súa desaparición e van xa máis de 6.500 sen que a súa familia obtivera unha resposta, xa que a investigación policial e a xudicial segue aberta.  

Coas intervencións do catedrático de Psicoloxía Criminal Jorge Sobral, da xornalista Marta Fontán e do avogado Ramón Pérez Amoedo, ‘Na Mente do Asasino’ afondará no caso e nos detalles dos feitos.

A continuación, na mesa de debate do programa, falarase sobre o feito de que non son poucos os homicidios que se acumulan como contas pendentes en Galicia. Ante estas mortes violentas sen autoría e sen posible xustiza, ‘Na Mente do Asasino’ preguntarase se se trata de asasinos certeiros ou de investigacións mellorables. Para abordar este tema, o espazo da TVG contará coa participación de expertos de diferentes ámbitos: o criminólogo Luís Alamancos, a psicóloga criminal Ana Sacau, o avogado penalista Ignacio Santaló e o psicólogo clínico Manuel Fernández Blanco.

Fuente Crtvg.es