O especial ‘Amancio Ortega. Quen é ese home?’ perfila hoxe na TVG a traxectoria vital deste empresario de éxito

0
72

Santiago, 14.4.2022.-  O espazo ‘Amancio Ortega. Quen é ese home?’ (21.55 h) está dedicado a un personaxe que esperta interese en todo o mundo pero sobre quen aínda hoxe se descoñecen moitos aspectos, entre outras cousas, pola súa escasísima aparición nos medios de comunicación.

Non concede entrevistas, non fai declaracións e deixouse ver en ocasións contadas. Aínda así, Amancio Ortega ou a imaxe que nos facemos del, está moi presente nos medios.

A súa peripecia vital esperta interese en todo o mundo. Unha traxectoria con máis lenda ca certezas. Pero o certo é que da súa biografía, aínda hoxe, pouco se sabe. O punto de partida deste programa é afondar na relación cos medios dun home, que pasou de ser case unha incógnita nos anos 90 a amosarse roto de emoción na festa coa que o sorprenderon milleiros de empregados cando fixo 80 anos.

Entre unha época de ausencias e a imaxe dun home chorando ao carón da filla e o neto hai toda unha vida que ‘Amancio Ortega. Quen é ese home?’ repasa esta noite.
 
Ata o ano 99 non había ningunha imaxe de Amancio Ortega. Ese ano publicou, nun informe anual da compañía, unha fotografía coa que por fin se lle puido poñer cara. Tiña daquela 63 anos. Desa época son tamén as imaxes máis antigas que se atopan nos arquivos da Galega e que corresponden á inauguración do centro hípico de Casas Novas. Ese día, Amancio Ortega, un home case descoñecido, deixou que as cámaras o acompañasen no seu percorrido polas instalacións que amosa entusiasmado. Ese lugar había supoñer un antes e un despois na súa relación cos medios.

O programa recupera testemuñas de xornalistas, economistas, antigos traballadores de Inditex e autores dalgúns dos libros que se publicaron sobre Amancio Ortega, sobre a súa traxectoria. Escoitaranse anécdotas e comentarios que axuden a compoñer a peripecia vital do empresario e da súa filla pequena, encargada agora de dirixir a compañía. Ela ten unha relación distinta cos medios e dela veranse algunhas das primeiras declaracións que fixo con só 18 anos.

Fuente Crtvg.es