O filme ‘Lobos sucios’, situado arredor da explotación de volframio na Galicia dos anos 40, é hoxe a proposta de ‘Clac’

0
10

Santiago, 28.01.2022.-  O programa ‘Clac’ (22:55 horas) presenta este venres na G2 un filme que mestura o thriller co drama e o cinema bélico, nunha revisión dunha época da nosa historia pouco coñecida. ‘Lobos sucios’, que se emite na semana en que se celebra o Día Internacional da Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto, é a crónica duns personaxes -galegos, alemáns e espías do exército aliado- que interactúan no contexto da explotación de volframio na Galicia dos anos 40 do século pasado.

O volframio foi o auténtico ouro negro da Segunda Guerra Mundial, posto que os nazis o utilizaban para blindar os seus tanques e as cabezas dos proxectís. O metal era escaso e por iso chegaron a un acordo co réxime franquista para a súa explotación en Galicia. Inspirado, de xeito libre, en casos reais acontecidos entre 1942 e 1944 e na historia das irmás Touza, o filme rodouse no outono de 2014.

As irmás Touza son dúas heroínas galegas, veciñas de Ribadavia que, entre 1942 e 1945, crearon unha rede clandestina para a fuxida de xudeus cara a América. Grazas a iso, salvaron máis de 400 persoas da persecución nazi. Nesta película, os guionistas entrelazan a aventura destas dúas irmás coa procura do volframio.

O director de ‘Lobos sucios’ é Simón Casal, procedente dunha familia interesada na imaxe. É fillo dos produtores Carmen de Miguel e Pancho Casal, que estiveron á fronte da produtora Continental durante máis de tres décadas. Paula Cons é coguionista e produtora do filme. Vencellada tamén a Continental en labores de guión, produción e realización, participou en docudramas como ‘Na túa pel’ e ‘Xente con xente’ e recentemente estreou a súa primeira longametraxe: ‘A illa das mentiras’.

Simón Casal explicará no programa presentado por Tania F. Lombao como accedeu á historia das irmás Touza e da procura do volframio en Galicia por parte dos nazis e como deseñou a película a partir deses dous eixes. Pola súa parte, Paula Cons reflexionará sobre a necesidade de facer unha película fría e triste para evocar os anos tras a Guerra Civil.

Fuente Crtvg.es