O fútbol de Primeira e Segunda RFEF e a recta final da Copa de Europa de Hóckey a Patíns, protagonistas da fin de semana deportiva dos medios públicos

0
17

Santiago, 15.04.2022.-    A oferta deportiva non descansa durante a Semana Santa nos medios públicos galegos, en que esta fin de semana serán protagonistas o fútbol e a Copa de Europa de Hóckey a Patíns, que se está a disputar esta semana na Coruña e cuxa cobertura continúa na G2 e na web da CRTVG.

A primeira cita co deporte será este mesmo venres, ás 21.00 h, cando se disputa o partido Rácing de Ferrol-Zamora C. F. O encontro na Malata abrirá a xornada ligueira, a 32ª da Primeira RFEF, cun duelo entre dous equipos con realidades moi dispares. Os vermellos e brancos seguen inmersos nunha crise de resultados que, salvo milagre, os aboca ao descenso, xa que son terceiros pola cola. Mentres, o equipo galego realizou unha gran temporada e afronta a recta final do curso no grupo de cabeza. O equipo está nunha boa xeira de resultados e mantén o seu reto de asegurarse estar no play-off de ascenso a Segunda División.

Os medios públicos galegos tamén ofrecerán esta fin de semana outro encontro desta categoría: o Deportivo-Dux Internacional, que comezará o domingo ás 12.00 h. A pesar da irregularidade no xogo, o Dépor está a saír ben parado na táboa clasificatoria e afronta con optimismo a loita pola segunda praza. Ademais, os de Borja Jiménez teñen un calendario sen demasiados rivais directos á vista.

A Segunda RFEF tamén será protagonista das retransmisións deportivas destes días. O sábado, ás 17.00 h, ofrecerase en directo o partido entre o Coruxo e o Bergantiños, que chegan á cita despois de senllas derrotas na xornada anterior. O equipo vigués caeu pola mínima ante o Leganés tras nove semanas sen coñecer a derrota e o Bergantiños tampouco foi quen de gañarlle á Ximnástica Segoviana.

E o domingo, á mesma hora, será a quenda do Arousa S. C.-Pontevedra C. F. Este partido chega nun momento moi complicado para o equipo anfitrión, que cesou o seu adestrador, Jorge Otero, despois da avultada derrota ante o Salamanca e a cinco xornadas da conclusión da Liga de Segunda RFEF. O Arousa está en zona de descenso directo, a tres puntos dun posto de salvación, e cun calendario infernal por diante, que comeza este domingo de Pascua na Lomba ante un Pontevedra lanzado tras facerse co liderado.

Ademais, como cada fin de semana, ofreceranse senllos partidos das ligas francesa e portuguesa: o  O. G. C. Nice-F. C. Lorient, que os espectadores poderán ver o domingo ás 14.00 h, e o  Sporting de Portugal-S. L. Benfica, que se emitirá ese mesmo día ás 23.55 h.

Á marxe do fútbol, está será unha fin de semana de hóckey a patíns. A Golden Cup 2022, que se está a disputar na cidade da Coruña, coa participación dos 12 mellores equipos do continente nesta disciplina, entre eles, o Deportivo Liceo, chega á súa recta final. O sábádo, ás 13.00 h e ás 19.00 h, retransmitiranse as dúas semifinais da competición e o domingo, ás 19.00 h, será o momento da gran final.

Fuente Crtvg.es