O ‘Galicia en Goles’ inicia este xoves co Celta-Alavés cinco días de retransmisións na Radio Galega

0
35

Santiago, 28.09.2023.-    Este xoves, a partir 18:45 h, a FM da Radio Galega retransmitirá desde Balaídos o encontro da sétima xornada da Primeira División entre o Celta e o Alavés. A derrota do sábado en Montjuic e o resto de resultados provocaron que o equipo de Benítez caera a postos de descenso. O adversario é un rival directo na loita pola permanencia, de aí a importancia dos puntos. Roberto Carlos Carballo encargarase da narración, cos comentarios dos adestradores Moncho Carnero e Xosé Ramón Valtierra, xunto á análise arbitral de Xabier Rodríguez Campos. A emisión prolongarase ata as 22:00 h, para escoitar en directo as roldas de prensa dos adestradores. Aqueles oíntes que teñan previsto seguir o partido pola televisión Movistar La Liga poderán escoller o opción da Radio Galega nas canles de audio do seu televisor.

Mentres, os afeccionados ao baloncesto teñen unha cita ás 20:00 h nas plataformas dixitais radiogalega.gal e g24.gal/deportes para seguir integramente a semifinal da previa da Champions entre o Obradoiro e o Legia de Varsovia. Tras eliminar o Mornar de Macedonia, o cadro santiagués está a dous triunfos de acceder á fase final. O club volveu convocar a afección no pavillón do Sar, para seguir pola pantalla xigante o encontro de Turquía, co son servido pola Radio Galega para escoitar a narración de Alfonso Pardo e os comentarios de Roberto Anidos.

Xa o venres, os seareiros do Breogán poderán gozar desde as 20:30 h, pola FM, da segunda xornada da Liga ACB, coa visita do equipo de Lugo ao acabado de ascender Andorra. Vai ser unha semana contra o reloxo para o equipo galego, xa que o domingo pola tarde volverá ter competición, desta volta, no Pazo ante o Manresa. Ademais, o programa dará cobertura desde Santiago de Compostela ao que suceda nas semifinais da Copa Galicia de baloncesto feminino.

Na fin de semana, o ‘Galicia en Goles’ chegará á audiencia coas edicións habituais. O sábado, desde as 15:00 h, a atención estará posta na visita do líder da Primeira RFEF, o Nástic de Tarragona, ao Anxo Carro para enfrontarse ao Club Deportivo Lugo. O domingo, ás 11:45 h, o Fuenlabrada-Deportivo vai ser o partido destacado da matinal. Pola tarde, ás 15:00 h, o programa seguirá o Barça Atlético-Celta Fortuna e o Arenteiro-Tarazona, xunto ao resto do fútbol galego.

Ata o luns 2 de outubro non chegarán as citas do fútbol profesional para os nosos equipos, polo que a Radio Galega programará unha edición extraordinaria de ‘Galicia en Goles’ que comezará ás 20:30 h para seguir o Las Palmas-Celta, desde Gran Canaria, e o Espanyol-Rácing de Ferrol, no estadio de Cornellá. Ás 23:00 h, os oíntes terán ocasión de escoitar a todos os protagonistas no programa ‘Ao Contraataque’.

#GaliciaEnXogo

O proxecto conxunto da Radio Galega e da Televisión de Galicia co cancelo #GaliciaEnXogo estará moi presente durante a xornada do sábado. Ás 13:00 h, Alfonso Pardo visitará o Náutico de Portosín, mentres ás 15:30 h comezará unha nova temporada dos xogos electrónicos, da man dos especialistas Anxo Tato e Antón Vieites. Xa pola noite, de 23:00 a 00:00 h, os espazos dedicados ao motor, con Rodrigo Pérez, e aos olímpicos galegos, con Toni López, darán forma á última entrega do día.

Fuente Crtvg.es