O maratón de ‘Pratos Combinados’ desta noite comeza cun Miro candidato á presidencia da asociación de veciños

0
6

Santiago, 15.04.2020.-  Televisión de Galicia ofrece este mércores, na faixa do ‘prime time’, catro divertidos capítulos da mítica ‘Pratos Combinados’ (22.25 h), a primeira serie de situación galega e un dos espazos máis queridos pola audiencia da canle pública. Deste xeito, a comedia ambientada no Bar Suízo comeza co episodio ‘Candidato Miro’, en que o dono do bar entra con forza na loita política por ocupar a presidencia da asociación de veciños. Para presentarse contará coa inestimable colaboración do seu cuñado, Antón, co que leva a cabo unha impresionante campaña electoral en que non faltarán nin os subornos nin as chantaxes, chegando incluso á manipulación dunha urna.

Se na primeira entrega a febre ‘política’ de Miro Pereira era o eixo argumental, en ‘Animaliños’ o fío conductor será o declarado amor de Migueliño, fillo do matrimonio Pereira, a todos os animais… irracionais. Deste xeito, o benxamín da familia atopa na rúa un gato abandonado, e decide levalo para a casa, malia que é consciente de que o terá que agochar, porque os seus pais non lle darán permiso para telo na casa. Esta inofensiva manobra de Migueliño para ofrecerlle un fogar ao gato non será máis que a primeira espoleta que desencadee unha serie de divertidas situacións e de malentendidos.

Ao igual que no capítulo anterior, Migueliño será o protagonista de ‘Festa de cumpreanos’, cando chega á conclusión de que xa é hora de encargarse dos seus propios asuntos, para non ser tratado como un neno toda a vida. Por iso, convence os seus pais para que lle deixen organizar a súa festa de aniversario e, a maiores, contará coa ‘axuda’ do tío Antón.

Por último, en ‘Andar ás troitas’, a trama xira arredor da pesca furtiva, xa que Miro non pode resistir a tentación de ir ás troitas, competindo con Paspallás e Antón. A súa presunción provoca, por unha banda, a envexa dos seus competidores e, pola outra, a acusación do seu fillo Migueliño que, como bo ecoloxista e amante da natureza, non pode consentir as prácticas furtivas do seu pai. A historia complícase cando os tres pescadores deciden facer unha aposta, da que sairá airoso Miro, mentres Antón e Paspallás non están dispostos a perder, e deciden recorrer á contratación dun ‘garda postizo’ que, de súpeto, chega ao Bar Suízo para asustar a Miro.

Fuente Crtvg.es