O novo documental desta noite na G2, ‘Rúa da Paz’, amosa o día a día das xentes desta rúa de Bruxelas

0
9

Santiago, 24.08.2021.- Cada día, as persoas toman a mesma rúa, realizan o mesmo itinerario para ir ao traballo, á casa, á escola… Todos os días, cada un de nós pasa por diante de milleiros de historias sen coñecelas. O novo documental ‘Rúa da Paz’ (‘Rue de la Paix’), que ofrece a G2 esta noite, contará a vida cotiá da rúa da Paz, a través das pequenas historias dos seus habitantes. Un repaso ao día a día desta rúa de Bruxelas, en que se cruzan e entrecruzan as vilas e as nacionalidades do mundo enteiro, creando situacións únicas.

Producido por RTBF e Triangle7, ‘Rúa da Paz’ (22.55 horas) está realizado por Léa Zilber e Marc Dacosse, e recolle os testemuños dalgúns dos seus habitantes, tras os que se agochan historias apaixonantes que contar.

A continuación, a G2 ofrecerá tamén o documental ‘Un traballador do século XX’, produción baseada nas memorias de Manuel Barros Fernández (1918-1998), traballador dos estaleiros Barreras ata a súa xubilación en 1976. Animado polo seu fillo Carlos, profesor de Historia Medieval da USC, durante catro anos, despois de xubilarse, escribiu a man, con lapis e en galego de Coruxo, as súas  memorias.

Un relato persoal do século XX no Vigo en proceso de industrialización, onde o movemento obreiro foi acadando cada vez máis importancia. Manuel era obreiro, comunista e estaba afiliado a Comisións Obreiras. No documental tamén aparece reflectida a dura pero tamén alegre vida do protagonista, que amaba a música e como batería de orquestra complementou durante máis de dúas décadas o seu exiguo salario de metalúrxico, traballando de noite e as fins de semana.

O documental, que conta coa colaboración da Unión Comarcal de Vigo de CCOO, tampouco esquece as persoas que compartiron traxecto vital con Manuel: a súa compañeira, Carmen Guimeráns; a súa nora, María Luz García; a súa neta, Xiana; compañeiros e amigos como Ricardo e Basilio, e dirixentes sindicais como Pepe Cameselle.

Fuente Crtvg.es